La deuda, de Martín Romero: a esperanza é o último que se perde

Komic Librería: La deuda


Non o podemos evitar, nin falla que fai: encántanos o traballo de Martín Romero, un artista cun estilo propio moi recoñecible que vai conformando, a modo pero con moito sentidiño, unha carreira máis que interesante como historietista e ilustrador. Sen abandonar os seus sinais de identidade o autor galego achégase no seu terceiro traballo longo, La deuda, ata o realismo ao contarnos a historia de Benjamín Castaño, un cómico que atravesa unha importante crise persoal agravada por unha nefasta situación económica.

Komic Librería: La deuda

Martín introdúcenos na vida deste personaxe, un antiheroe cotiá derrotado pola vida e as circunstancias a quen atopamos nun intre no que semella non poder caer máis baixo: só, sen traballo, desafiuzado e totalmente arruinado. A súa única compaña é a de Christian, un inexperto e inocente «cobrador do frac» que o segue cada día como medida de presión para acadar o pagamento da débeda que dá título a esta obra.

Komic Librería: La deuda

Entre os dous, moroso e «sombra», irase creando unha relación sorprendente que mesmo medra cando Benjamín recibe unha triste nova que o obriga a regresar á súa vila natal. Alí volverase a atopar con pantasmas do seu pasado, que espertarán lembranzas e sentimentos esquecidos mentras a tensión (e a presión dos seus acreedores) vai en aumento ata chegar a un final cheo de dramatismo e acerto por parte do autor.

Komic Librería: La deuda

Tras Las fabulosas crónicas del ratón taciturno e a antoloxía de relatos curtos Episodios Lunares, Martín Romero confírmase con La deuda como un dos nomes máis persoais e interesantes da banda deseñada galega contemporánea. A través de seis capítulos e máis de 220 páxinas plantexa unha narración fluída e moi traballada na que, como en habitual en el, presta especial atención aos pequenos detalles e á construción da páxina, acadando composicións realmente salientables e unha coidada tensión narrativa que dosifica con mestría.

Komic Librería: La deuda

O seu abraiante universo propio, onde a fantasía e a imaxinación teñen especial importancia, enriquécese con este álbum no cal o autor nado en Xión dá unha lección de versatilidade e demostra que o seu trazo característico, cun debuxo limpísimo e perfectamente planificado, non só é axeitado para relatos oníricos ou fantásticos.

Komic Librería: La deuda

Aproveitamos a ocasión para anunciarvos que o vindeiro venres 10 de novembro, a partir das 18:00 horas, Martín Romero visitará Komic Librería para presentar e asinar exemplares de La deuda, do que podedes ver aquí un trailer animado. Contamos convosco!


Komic Librería: La deuda

La deuda
Martín Romero

La Cúpula
Tomos: 1