Supervivientes-Anomalías cuánticas, de Léo: como atrapar aos lectores unha vez máis
A estas alturas xa non é ningunha sorpresa, pero aló polo ano 2008, cando aparecía en castelán o primeiro volume integral de Aldebarán pouco podíamos sospeitar que aquel título, obra dun autor brasileiro residente en Francia e descoñecido para nós, íase converter, co paso do tempo, na bd máis vendida nas tres décadas de vida de Komic Librería.
Luiz Eduardo de Oliveira, «Léo», carioca de 73 anos, comezou nos noventa esta saga de ciencia-ficción que consta, polo de agora, de tres ciclos que suman un total de 16 álbumes individuais, todos eles reunidos en tres tomos integrais na súa edición en castelán (por esta orde: Aldebarán, Betelgeuse e Antares).
Neles descubrimos as aventuras dun grupo de persoas nadas nun afastado planeta colonizado polo ser humano pero que non mantén contacto coa Terra. A aparición dun animal misterioso e xigantesco dá comezo a unha interesante trama dotada dun ritmo narrativo tremendo, o que constitúe un dos maiores atractivos desta obra xunto coa súa protagonista, Kim Keller, que é xa unha das nosas heroínas preferidas. O imaxinativo deseño da fauna e flora alieníxenas, inspirado na riqueza natural do Brasil, e mais o aquel de alegato ecoloxista e de denuncia dos totalitarismos que posúe a colección enteira completan as bondades de Los mundos de Aldebarán.
Non é de estrañar, xa que logo, que as súas historias enfeiticen a unha chea de lectoras e lectores de tódalas idades e gustos. Un público que está de noraboa, pois vén de chegar ás nosas mans Supervivientes-Anomalías cuánticas, unha serie paralela que forma parte do mesmo universo e que, de novo, ve publicadas as súas cinco entregas nun formato compilatorio idéntico ao dos seus predecesores.
Repítense tamén as súas características principais, pero neste caso non imos seguir as aventuras de Kim e os seus compañeiros, nin hai un argumento colonizador como acontecía nos álbumes anteriores, senón que imos acompañar a un grupo de mozos e mozas, superviventes dun transbordador que viaxa da Terra a Aldebarán que se desintegra no espazo tras unha inexplicable avaría. O grupo de protagonistas consegue fuxir nunha nave de salvamento e chega ata un planeta descoñecido onde terán que espremer ao máximo as súas habilidades para seguir con vida e facerlle fronte aos numerosos perigos que agocha esta mundo inexplorado.
Na caracterización dos personaxes atopamos outro dos acertos da obra, a mesura e credibilidade á hora de presentarnos o perfil psicolóxico de cada un deles apórtalle verosemellanza á historia, ademais de concretar cal é o seu rol dentro do grupo. As distintas reaccións e sentimentos que provocan neles cada nova situación ou perigo permítelle ao autor expoñer a idea de que, como adoita pasar na propia natureza, os máis solidarios son os que maiores probabilidades teñen de sobrevivir.
Como diciamos antes, Supervivientes-Anomalías cuánticas conserva o ritmo trepidante dos ciclos anteriores e comparte con eles, ademais, o protagonismo central feminino. Se entre o elenco coral de Los mundos de Aldebarán destaca sobremaneira Kim Keller neste caso ese lugar ocúpao Manon, unha moza francesa de 18 anos cando comeza a historia, de grande afouteza, destra coas armas e dona dun pasado misterioso. Ela, na compaña de Alex, un mozo brasileiro que é tamén o narrador do relato, viaxarán no tempo e no espazo nesta historia chea de misterio, aventura e fantasía.
Podemos salientar, claro está, a enorme regularidade que Léo acada nas súas obras, pois o nivel desta nova serie non ten nada que envexar aos álbumes anteriores e, se lle temos que atopar algunha pega é que, como acontecía nos outros tres libros desta saga, a súa lectura déixanos con ganas de máis e permítenos soñar cun futuro encontro entre Manon e Kim, dúas mulleres fortes cheas de recursos que son, sen dúbida algunha, todas unhas superviventes.
Supervivientes-Anomalías cuánticas (Integral)
Léo
ECC Cómics
Tomos: 1