Encuentros cercanos, de Anabel Colazo: we want to believe

Komic LIbrería: Encuentros cercanos


Máis de vagar do que nos gustaría, ben é certo, pero resulta indiscutible que afortunadamente algo está a mudar no eido da banda deseñada. A presenza feminina na novena arte non deixa de medrar nesta última década, tanto en número de lectoras como de autoras, e isto é algo que nos encanta porque, ademais de ser de xustiza, achega aire fresco e anovador ao mundo da viñeta. Un bo exemplo disto é Anabel Colazo, unha artista nova pero que, malia a súa mocidade, conta xa cunha interesante bagaxe ás súas costas: amais de ser unha das responsables de Nimio, un dos fanzines máis salientables a nivel estatal dos últimos tempos, colaborou na antoloxía colectiva Teen Wolf (Fosfatina, 2016) tras deixarnos mostras do seu persoal estilo en El cristal imposible (De Havilland, 2015), a sorprendente obra coa cal debutou.

Komic LIbrería: Encuentros cercanos

Hai uns meses volvía aterrar na nosa librería con Encuentros cercanos, o seu primeiro traballo de certa extensión, publicado por La Cúpula, unha das editoras que mellor está a entender e apoiar a efervescencia creativa protagonizada por autoras da que falabamos antes. E para este novo chanzo na súa carreira escolle un tema recorrente pero sempre atractivo: o contacto con seres extraterrestres.

Komic LIbrería: Encuentros cercanos

Para isto preséntanos a Daniel, un mozo de vintetantos sen grandes aspiracións na vida que ao facer unha viaxe cara a súa vila natal sufre un raro accidente preto de El Cruce, unha localidade que semella atraer todo tipo de fenómenos estraños. Alí coñece a Juan, un misterioso rapaz, e á súa irmá Marina. Tamén a Barry, un estranxeiro con certo grao de paranoia que chegou ata El Cruce atraído pola súa sona entre xornalistas e ufólogos como enclave de avistamentos.

Komic LIbrería: Encuentros cercanos

Ao igual que acontece coa súa parte gráfica, o guión de Encuentros cercanos aparenta posuír unha sinxeleza que non é tal, pois resulta ser moito máis complexo a medida que avanzamos na lectura das súas páxinas. A autora emprega intelixentes recursos como a inclusión de datos relevantes sobre a historia da ufoloxía sen romper o ritmo do relato ou unha sorprendente bifurcación da voz narradora contra o final da historia, cando aparece unha estudante que entrevista a Daniel dez anos despois de ter vivido a súa incrible experiencia.

Komic LIbrería: Encuentros cercanos

A (ás veces) delgada fronteira entre realidade e ficción é tamén utilizada como un dos piares da narración, algo que percibimos dende o comezo coa referencia ao famoso montaxe das fadas de Cottingley e no xeito que ten a autora de enfocar o que nos conta: un tema de ciencia-ficción tratado de forma realista. Isto resulta máis que interesante nestes tempos nos que, de maneira paradoxal, temos á nosa disposición máis información ca nunca pero, ao mesmo tempo, tamén aumenta a manipulación e a desinformación facendo cada vez máis difícil distinguir entre verdadeiro e falso.

Komic LIbrería: Encuentros cercanos

Anabel Colazo adereza os seus Encuentros cercanos con varios dos estereotipos clásicos relacionados cos avistamentos extraterrestres, dende os misteriosos homes de negro ata os distintos aspectos que poden mostrar os alieníxenas, pasando por un sutil e divertido cameo de Mulder e Scully, a parella protagonista da mítica serie Expediente X.

Komic LIbrería: Encuentros cercanos

Xa que logo compartimos convosco esta recomendación, unha boa historia contada por unha autora nova da que, tralo bo sabor de boca que nos deixa esta banda deseñada, agardamos expectantes futuros traballos.


Komic LIbrería: Encuentros cercanos

Encuentros cercanos
Anabel Colazo

La Cúpula
Tomos: 1