Zorglub #1. La hija de Z, de José Luis Munuera: aventuras espectaculares para tódolos públicos
Os afeccionados ás aventuras de Spirou non podiamos ter comezado mellor este 2018 (ano no cal o popular e afouto botóns celebra, atención, o seu oitenta aniversario), xa que paseniñamente a arriscada e decidida aposta de Dibbuks por ir editando todo o material deste personaxe vaise convertendo nunha realidade que, por exemplo, deixounos dúas boas mostras nas últimas semanas: por unha banda a publicación de La mujer leopardo, un magnífico álbum obra de Yann e Olivier Schwartz do cal vos falaremos nos vindeiros días, e pola outra a fulgurante irrupción desta nova serie, Zorglub, unha estupenda historia de aventuras na que o español José Luís Munuera dá renda solta a todo o seu talento.
Nado en 1972, este murciano leva toda a súa carreira a traballar para o esixente mercado francés dende que fixera o seu debut, hai máis de dúas décadas, coa serie Los Potamoks, guionizada nin máis nin menos que por Joann Sfar. O seu estilo, de trazo limpo e tremendamente dinámico, está influenciado por autores do nome de Giraud, Uderzo ou Otomo, resulta moi espectacular e puidémolo aprezar en títulos como El juego de la luna e Walter el lobo ou series como Los Campbell, Navis ou Sortilegios. Entre os anos 2004 e 2008 mesmo chegou a ser o debuxante da colección regular de Spirou y Fantasio, período durante o cal ilustrou catro álbumes escritos polo veterano Jean-David Morvan.
Estos antecedentes como parte da selecta nómina de autores que deron vida ás historias do mozo aventureiro, xunto coas súas innegables virtudes, ben como narrador, ben como ilustrador, converten a Munuera no nome ideal para afrontar o reto de comezar unha nova serie, centrada nun dos principais antagonistas de Spirou: Zorglub, o malvado científico tolo tan trapalleiro como xenial.
Este megalómano inventor aparece aquí tratado dun xeito máis fondo que en relatos anteriores, coñeceremos máis, moito máis, a súa personalidade e os seus conflitos internos e, sobre todo, descubriremos a Zandra, a súa filla. Unha rapaza de dezaseis anos que non leva moi ben iso de ter un pai quitado dun filme de James Bond e que o único que quere é ter unha vida normal, ao mesmo tempo que o seu proxenitor empeza a ter problemas para aceptar o rápido que medrou a súa cativa e adaptarse á súa adolescencia.
Este conflito paterno-filial vaise ver dinamitado pola aparición dunha facción secreta do exército coa cal ten negocios Zorglub e as súas arelas por controlar un dos xeniais inventos do imaxinativo científico. A persecución militar saca á luz un sorprendente segredo que afecta directa e especialmente a Zandra, que terá que dixerir todo isto mentras trata de escapar e salvar á súa familia.
Unha historia chea de emoción, humor e acción que vos recomendamos vivamente, sexades seguidores habituais das aventuras de Spirou ou non, e que estamos certos de que vos vai gustar por igual tanto ao público novo como ao adulto.
Zorglub #1. La hija de Z
José Luis Munuera
Dibbuks
Tomos: 1