Mi pequeño, de Olivier Schrauwen: unha viaxe lisérxica na compaña dunha peculiar familia

Komic Librería: Mi pequeño (Fulgencio Pimentel)


Queremos compartir hoxe convosco unha obra moi especial para Komic Librería: Mi pequeño, un título que, ademais de ser unha auténtica xoia, foi no seu momento a fenomenal tarxeta de presentación coa cal coñecimos ao seu autor, o belga Olivier Schrauwen, un artista inclasificable que nos enfeitizou fonda e inmediatamente.

Komic Librería: Mi pequeño (Fulgencio Pimentel)

Mi pequeño é unha sorprendente banda deseñada que fixo a súa primeira aparición en castelán aló polo ano 2009 da man de Norma Editorial, e que agora recupera a editora rioxana Fulgencio Pimentel nunha nova edición, cun maior tamaño, unha nova tradución e ampliada cun capítulo máis. A día de hoxe, tras case unha década dende o seu debut no mercado español, Olivier Schrauwen xa non é un descoñecido, e, malia non ser un autor de masas, podemos dicir que ten o seu público. A súa febril imaxinación achegounos títulos tan abraiantes como El hombre que se dejó crecer la barba, Mowgli en el espejo ou a triloxía Arsène Schrauwen, obras todas elas que mostran a un autor inquedo cheo de talento e liberdade creativa, cunha importante capacidade para parodiar todo tipo de estilos, un artista que acadou algo máxico e dificilísimo: que nunca saibas o que vas atopar ao abrir un libro del, pero que ao mesmo tempo teñas a seguridade de que vas ser transportado nunha viaxe fascinante que che vai deixar coa boca aberta.

Komic Librería: Mi pequeño (Fulgencio Pimentel)

Porque iso foi o que nos pasou hai anos cando tivemos por vez primeira Mi pequeño nas nosas mans, quedamos pampos ao ler as delirantes aventuras dun pai, un extravagante home de certa idade, boa percha e notable posición económica, e o seu peculiar fillo, un cativo tan, tan pequerrecho que o seu proxenitor pode levalo metido no peto da súa chaqueta, tan minúsculo que case non escoitamos a súa voz.

Komic Librería: Mi pequeño (Fulgencio Pimentel)

Xuntos pasean indolentes pola Bélxica da, intuímos, primeira metade do século XX, compartindo unha existencia contemplativa rota pola insólita capacidade que ten esta estraña parella para levar o desastre alá por onde pasan. Ao longo dos seis episodios que conforman o libro (un máis que na súa primeira edición) acompañamos a esta rechamante familia na súa vida cotiá, asistimos ao grotesco nacemento do neno, observamos atónitos como visitan Bruxas e os seus museos, paseamos con eles polo zoolóxico de Amberes e mesmo temos tempo de gozar dunha boa partida de golf na súa compaña. Distintos momentos nos que vemos a especial relación paterno-filial, intres traxicómicos que deixan ao lector cunha mestura de perplexidade, desacougo e riso frouxo.

Komic Librería: Mi pequeño (Fulgencio Pimentel)

Ao mergullarnos nas páxinas de Mi pequeño queda claro que estamos ante un atípico historietista coas ideas moi claras, a imaxinación tremendamente libre e un gran dominio da secuenciación (nisto posiblemente teña que ver tamén a súa experiencia como animador). Sen renunciar á herdanza –fundamental- do surrealismo belga, aprezamos unha importante influencia dos pioneiros norteamericanos da novena arte, especialmente por parte do xenial Winsor McCay. E é que a pegada do creador do abraiante Little Nemo, ademais de resultar evidente nas semellanzas gráficas, está presente tamén nos argumentos e nun par de guiños fermosos, cos cales Olivier Schrauwen recupera a fantasía e a esencia destos primeiros e marabillosos cómics.

Komic Librería: Mi pequeño (Fulgencio Pimentel)

Proponémosvos, pois, esta lectura engaiolante e sorprendente, así como o resto das obras do seu autor, e aproveitamos para, unha vez máis, agradecer aos amiguetes de Fulgencio Pimentel o seu impagable traballo, esforzo e agarimo á hora de editar obras tan bonitas coma esta.


Komic Librería: Mi pequeño (Fulgencio Pimentel)

Mi pequeño
Olivier Schrauwen

Fulgencio Pimentel
Tomos: 1