El janitor, de Yves Sente e François Boucq: James Bond con sotana

Komic Librería: El janitor


Hai case unha década Norma Editorial publicou o primeiro número dunha colección que nos chamou poderosamente a atención. Titulábase Janitor, enmarcábase dentro da mellor tradición da bd europea de aventuras e intriga e narraba a historia de Vince, un axente de elite dos servizos secretos vaticanos. Malia o seu interesante argumento non foron editadas en castelán máis entregas desta serie ata que, hai uns meses e da man de Ponent Mon, saíu do prelo o tomo integral que recolle os seus cinco primeiros álbumes, que conforman un arco narrativo completo. Unha novidade que recibimos con gran ledicia, non só por poder proseguir a lectura deste relato –interrompida dende aquela– senón tamén porque o nome que asina o seu debuxo non é outro que o de François Boucq, sen dúbida un dos nosos ilustradores predilectos.

Komic Librería: El janitor

O enorme talento deste francés serve por igual para o realismo máis detallista e para a parodia máis caricaturesca. O seu recoñecible estilo está dotado dunha sobresaínte capacidade para atopar o encadre máis axeitado á hora de contar e tamén para aportarlle aos seus personaxes unha expresividade case fotográfica. Perderse nas súas páxinas é un agradecido pracer que nunca decepciona, tanto ten que a historia que nos conte sexa froito da súa disparatada, surrealista e marabillosa imaxinación (como, por exemplo, as xeniais e humorísticas aventuras de Jerónimo Puchero) ou que ilustre relatos de escritores tan interesantes como Jérôme Charyn (La mujer del mago, Little Tulip, Boca de diablo) ou Alejandro Jodorowsky (Cara de Luna, Bouncer).

Komic Librería: El janitor

No caso de El Janitor Boucq une forzas con Yves Sente, noutrora editor e reconvertido nos últimos anos nun prestixioso guionista que, a día de hoxe, é o escritor de dúas das series fundamentais da bd franco-belga (Thorgal y XIII) e que xa demostrou a súa solvencia como narrador en títulos como La venganza del conde Skarbek ou en varias das aventuras modernas de Blake & Mortimer. Xuntos vannos presentar un atractivo relato cheo de acción e aventura no que mesmo teñen cabida unhas certas pingas de fantasía sobrenatural.

Komic Librería: El janitor

Deste xeito imos coñecer a Vince Hayes, un seminarista que vive na Roma dos nosos días pero que en realidade forma parte do Departamento de Protección e Información Exterior do Vaticano, é dicir, os servizos de intelixencia da Igrexa católica. Este eficaz e atípico axente está cheo de recursos e talentos, amais de posuir unha curiosa espiritualidade case esotérica e un escuro e rocambolesco pasado que iremos a descubrir aos poucos, nunha das múltiples subtramas coas cales Sente enriquece o argumento principal. Ao voltar dunha axitada misión en Malta recibe a oferta dos seus superiores de pasar a formar parte dos Janitores (os conserxes), o corpo de elite da seguridade vaticana composto por doce membros que non se coñecen entre si, doce apóstolos encargados de protexer aos altos cargos da curia romana e realizar delicadas tarefas de espionaxe para eles.

Dunha forma un tanto casual Trias, que será o nome en clave do noso protagonista como janitor, descubre a existencia da Orde do Novo Temple, unha poderosa pero descoñecida organización que está a procurar unha posición preponderante nos círculos de poder máis elevados infiltrándose silandeiramente entre eles. Evidentemente entre os lugares aos que chegan os tentáculos deste grupúsculo está a Igrexa, o que obriga a Vince a entrar en acción.

Komic Librería: El janitor

Cunha excelente dosificación das diferentes intrigas que se van plantexando ao longo das súas páxinas acompañamos ao noso janitor por medio mundo, de Roma a Nova York pasando por Sardeña, Zurich, México ou o Foro de Davos nunha espiral de complots, segredos, vinganzas e persecucións de grande espectacularidade, ao máis puro estilo dos filmes de James Bond ou doutras referencias semellantes no mundo do cómic franco-belga (Largo Winch, XIII ou Bruno Brazil) e na que, insistimos, sobresae o magnífico debuxo de François Boucq.

En definitiva, unha atípica historia de espías que resulta ser unha lectura entretida e interesante que vos recomendamos especialmente, agardando que vos guste tanto como a nós.


Komic Librería: El janitor

El janitor
Yves Sente / François Boucq

Ponent Mon
Tomos: 1