Nieve en los bolsillos, de Kim: documentando a eterna realidade da emigración

Komic Librería: Nieve en los bolsillos


Joaquín Auber Puig-Arnau «Kim» (1941) é un dos máis veteranos autores españois en activo e a súa obra ao longo dos últimos corenta anos é fundamental para entender a evolución do medio no noso país.  Ademais é un dos fundadores da revista El Jueves e creador de Martínez el Facha, personaxe que permaneceu no semanario de humor durante décadas. En 2009 a súa carreira tomou unha nova dirección ao debuxar El arte de volar, unha novela gráfica tan diferente como necesaria no panorama nacional, na que se narra a vida do pai do guionista Antonio Altarriba e que nos atrevimos a calificar como a mellor banda deseñada española, alomenos neste xénero, de tódolos tempos. Un título que nos meses seguintes acadou o Premio Nacional de Cómic e os meirandes recoñecementos tanto por parte do público como da crítica especializada.

Komic Librería: Nieve en los bolsillos

En 2016 o tándem creativo repetiu con El ala rota, na que se abordaba a vida da nai de Altarriba, unha obra independente que mesmo consegue mellorar algúns aspectos narrativos pero sen a universalidade xeracional que lle outorgamos á súa predecesora. Seguindo o ronsel dos seus últimos traballos Kim rescata agora da súa memoria un ano da súa mocidade, 1963, no cal deu renda solta ao ímpetu propio da idade para prantar a carreira de Belas Artes e lanzarse a unha aventura de emigración que o levaría ata Alemaña.

Komic Librería: Nieve en los bolsillos

Nieve en los bolsillos transmite un aquel de aventura e optimismo, a memoria é sempre enganosa e adoita descartar o menos agradable.  Veremos como Kim cruza Francia en autoestop e, trala toma de contacto con outros emigrantes nun albergue de Frankfurt, prosegue a súa viaxe cara o norte.  Unha vez en Colonia instálase de xeito provisional noutro albergue e uns días despois é conducido a un enorme caserón que será a súa residencia definitiva, e a de ducias de emigrantes, case todos eles españois.  Dende o primeiro momento é moi ben recibido por Hubert, o xefe deste Heinsttat, unha sorte de albergue estatal adaptado para esta fin, unha persoa afable e servizal que perdera unha perna na fronte rusa sendo capitán do exército alemán e que a partires dese intre vai servir de apoio e facilitarlle as cousas ao noso protagonista.

Komic Librería: Nieve en los bolsillos

Máis aló de relatar unha sucesión de anécdotas e situacións persoais a pretensión da obra é maior e ao longo destas 200 páxinas vainos ofrecer a posibilidade de recoñecer unha parte da sociedade española da época a través dun bo número de personaxes reais que lle irán contando a Kim como e porqué remataron alí.  Non son aqueles cos cales Kim establece unha relación de amizade máis íntima e cotiá os que mellor serven para esta finalidade, senón os emigrantes cos que, por distintos motivos, ten unha relación máis ocasional.  O feito de que escollera a estes últimos xustifícase polo impactantes e reveladoras que chegan a ser as súas historias.  Tráxicas, rocambolescas, e mesmo incribles de máis para non ser certas, van construír un mosaico que remata por darnos unha imaxe do que obrigaba a centos de milleiros de persoas a procurar un benestar e un futuro a partires dun traballo e dun salario dignos que resultaban inalcanzables na España dos primeiros anos sesenta.

Komic Librería: Nieve en los bolsillos

Sabemos que non todos os que se viron obrigados a emprender este destino tiveron a mesma sorte, sobre todo aqueles que saíron do noso país dun xeito clandestino e toparon con mafias de intermediarios e explotadores que se enriqueceron a súa costa.  Non quixo o autor que esta parte da historia caese no esquecemento e acertadamente fai referencia a ela, así como a outros detalles da vida laboral que deixan constancia das duras condicións e do sacrificio dos anos da mocidade que, tanto homes como mulleres, asumían con afouteza e resignación.  Estos intermediarios, españois que se facían pasar por avogados, ofrecían os seus servizos  aos que saíran de España clandestinamente ou, como no caso de Kim, entraran en Alemaña como turistas, modificando os seus pasaportes para poder traballar de maneira legal.  Os que non accedían a esta falsificación non podían entrar en fábricas ou empresas legais e víanse obrigados a aceptar traballos máis eventuais negociados «de palabra» por contratistas que eran tamén emigrantes, como arranxar estradas ou retirar neve das rúas tras unha intensa nevarada.

Komic Librería: Nieve en los bolsillos

Esta obra, que satisfará plenamente ao lector máis esixente tanto no contido como na forma, deixa claro que Kim soubo dar outra volta de parafuso á súa longuísima carreira e que na súa faceta de guionista non é menos virtuosos que como debuxante.

Komic Librería: Nieve en los bolsillos

Un título, pois, igual de necesario que El arte de volar para documentar unha época pasada e unha realidade tan presente como eterna: a emigración.


Komic Librería: Nieve en los bolsillos

Nieve en los bolsillos
Kim

Norma
Tomos: 1