Canción para afundir flores no mar, de Óliver Añón: unha excepcional obra de presentación

Canción para afundir flores no mar


Dende que no 2005 un, daquela, prometedor David Rubín recibía o Premio Castelao por Onde ninguén pode chegar o galardón da Deputación da Coruña adicado á banda deseñada ten percorrido un interesante camiño que o consolidou coma o máis importante dentro do ecosistema comiqueiro-galaico, ademais de irnos deixando ao longo dos anos un heteroxéneo e variado corpus de obras gañadoras ao que agora se une Canción para afundir flores no mar, un fermoso e poético título que resultou ser o elixido na edición de 2018 e que vén de ser editado, como é habitual nestes últimos anos, pola propia institución provincial.

Esta novela gráfica permítenos, ademais, descubrir ao seu autor, Óliver Añón, ilustrador e animador de profesión pero descoñecido para nós ata o de agora. Alguén a quen seguiremos atentamente no futuro, pois a súa Canción para afundir flores no mar deixounos gratamente sorprendidos. Nado en Barcelona no seo dunha familia emigrante galega, ao pouco tempo regresa á Coruña, onde pasa a súa nenez e adolescencia para voltar a Cataluña, xa formado, para traballar en diversas produtoras de animación, axencias de publicidade e de televisión. En 2015 retorna de novo á cidade herculina, onde reside na actualidade.

Canción para afundir flores no mar

Óliver Añón non plantexa un relato lineal, senón máis ben unha compilación de intres e, sobre todo, de sensacións sobre as que asexa, sempre, o paso do tempo. A través de seis capítulos vainos levar, cun marcado ton autobiográfico, por diversas etapas vitais e as súas correspondentes experiencias, momentos nos que, ás veces, resúltanos moi doado identificarnos co narrador. Deste xeito comparte connosco vivencias dos eternos veráns da infancia, as cacharelas de San Xoán, a lembranza dos seus avós e avoas, o fútbol no colexio ou as mudanzas que leva implícita a adolescencia.

Canción para afundir flores no mar

Para contarnos todo isto Añón interpreta e entende á perfección o papel do creador como demiurgo,o seu papel, e xestiona cunha soltura e precisión tremendas o peso narrativo da obra, que constantemente abanea entre outorgarlle maior relevancia ao texto ou á parte gráfica. Mesmo xoga conscientemente co tempo das escenas, comezando varias delas polo seu final e desenvolvéndoas regresivamente. Xa que logo estamos ante un autor que, malia non posuír moita experiencia como historietista, demostra un gran coñecemento do medio e unha enorme sabedoría á hora de espremer os recursos expresivos do mesmo.

Canción para afundir flores no mar

Respecto ao seu debuxo, chama poderosamente a atención a elegancia e limpeza do seu trazo, cun excelente emprego do branco e negro e unha querencia especial polas formas xeométricas, características que, en certo xeito, entroncan esta Canción para afundir flores no mar coa obra dalgúns dos máis salientables valores da bd galega deste século, como son Brais Rodríguez, Jano Viñuela, Begoña García-Alén ou Andrés Magán.

Canción para afundir flores no mar

En definitiva, dámoslle a benvida a este novo autor, que pasa a enriquecer o variado panorama dos cadriños galegos e á súa Canción, que, por suposto, vos recomendamos agardando que vos guste e que vos transmita tanto coma o fixo connosco.


Canción para afundir flores no mar

Canción para afundir flores no mar
Óliver Añón

Deputación da Coruña
Tomos: 1