Historias del barrio, de Gabi Beltrán e Bartolomé Seguí: honestidade a mancheas

Historias del barrio


Aproveitando a visita de Bartolomé Seguí a Viñetas desde o Atlántico, onde gustamos moito da súa exposición, especialmente na parte da obra que nos ocupa, repetimos o que dende hai tempo vimos dicindo: a bd española está a acadar cotas de calidade ás que nunca chegara. Puidera ser a consecuencia de que aos grandes debuxantes que sempre tivemos sumouse agora unha xeración de guionistas que son quen de sintetizar historias merecedoras de seren contadas.

Este libro, que semella vai ter continuación, achéganos a unha realidade non moi afastada na que algúns lectores (as opinións dos cales imos ter sempre en conta) aprezaron unha pesada carga de drama social. Outros, para os que estes dramas foron e son máis cotiás, vemos historias humanas de gran forza contadas de maneira sublime tanto pola elegancia da narrativa como pola honestidade do protagonista como narrador.

Historias del barrioSeguí e Gabi Beltrán abordan o seu traballo con absoluta clarividencia dándonos a posibilidade de mergullarnos na marxinalidade dos personaxes e facéndonos entender as súas acción e emocións con naturalidade.

Tan só dicir que o se nos vai contar son as experiencias de Gabi Beltrán ao redor de 1980, cando, con só quince anos, a toma dalgunhas decisión marcan de xeito determinante o porvir da súa vida. Está ambientado no seu barrio natal en Palma de Mallorca cun estilo gráfico maxistral que non podemos imaxinar máis acertado. Sabemos que esta achega de Seguí é o compoñente axeitado que dá coherencia e que nos fai ver con sinxeleza unha realidade nada sinxela.

Historias del barrio

Ficamos, xa que logo, á espera desa segunda parte. Se chega agarrarémola coma quen atopa un tesouro que leva tempo a buscar, e se non chega non a botaremos en falla porque este tomo, que nos agarrou a nós, colmou tamén os nosos sentidos de poesía e emoción.


Historias del barrioHistorias del barrio
Gabi Beltrán / Bartolomé Seguí

Astiberri
Tomos: 1