Micro Algas, el mundo oculto, de Xulia Pisón: divulgar divertindo ou divertir divulgando

Micro Algas, el mundo oculto


Temos o inmenso pracer de vos falar hoxe dunha nova obra saída do maxín de Xulia Pisón, Micro Algas, el mundo oculto, un título didáctico e divulgativo que procura dar a coñecer uns microorganismos moi particulares: as micro algas. Para acadar o seu obxectivo a autora galega optou por nos presentar este fascinante e minúsculo universo a través dunha emocionante aventura onde as nosas protagonistas, personificadas nun variopinto grupo de adolescentes, loitan contra as ameazas que sofre o medio ambiente.

Micro Algas, el mundo oculto

O emprego da banda deseñada como ferramenta didáctica non é, nin moito menos, algo novidoso: a linguaxe secuencial adoita ser unha maneira sinxela e accesible de achegar información a todo tipo de lectores.  Normalmente neste tipo de obras predomina a importancia do coñecemento que se quere transmitir máis que a calidade artística en si, pero de cando en vez aparece un título que mestura sabiamente unha cousa e outra, como é o caso do álbum que hoxe vos comentamos.

Micro Algas, el mundo oculto

Un álbum, por certo, que chega ata nós a través dun proxecto europeo chamado Enhance Microalgae (EMA) que procura dar a coñecer o «mundo oculto» das micro algas, uns microorganismos que polas súas características van ser fundamentais na biotecnoloxía e na alimentación da especie humana nun futuro non moi afastado. Neste proxecto participan nove entidades de cinco países distintos, entre elas a Universidade da Coruña, que edita o libro realizado por Xulia Pisón.

Micro Algas, el mundo oculto

Para explicarnos as características de cada unha das familias de micro algas (Espirulina, Nannochloropsis, Scenedesmus e Diatomeas) Xulia crea unha historia tan sinxela como atractiva, ao personificar estes microorganismos nunha panda de mozos e mozas antropomórficas que deciden loitar contra as ameazas do medio ambiente. De cando en vez interrómpese a acción para nos presentar unha ficha máis descritiva de cada un destes microorganismos que posúen «súper poderes» extraordinarios que os fan perfectos para colaborar en problemas tan serios como a contaminación ou a alimentación.

Micro Algas, el mundo oculto

Mesmo descubrimos que a unha delas, e quizais a máis coñecida, a Espirulina, non é exactamente unha micro alga senón que pertence ás cianobacterias. A autora aproveita esta distinción para incluir os valores de integración e de atopar o noso lugar no mundo dentro da historia que nos conta. Temos, pois, un relato de aventuras e acción recomendable para lectoras e lectores de todo tipo e de calquera idade, acadando un dos obxectivos dunha obra divulgativa coma esta: chegar a canta máis xente sexa posible.

Micro Algas, el mundo oculto

E cun traballo gráfico excelente que permite espreitar a evolución e versatilidade desta historietista e ilustradora galega a quen lle seguimos a pista dende que a coñecimos, co seu fanzine autoeditado McCactus (2015). Dende entón a a súa prometedora carreira ten deixado títulos tan interesantes como (∞ -1) e Legado (ámbalas dúas editadas pola libraría coruñesa Alita Cómics, o segundo deles guionizado por Kike Benlloch), participacións en obras colectivas como Licor café (Demo Editorial, 2017) ou O puño e a letra (Xerais, 2018) e colaboracións en diversas publicacións (Finnegans, Altar mutante), ademais de, por suposto, os seus traballos como ilustradora e cartelista.

Micro Algas, el mundo oculto

Unha lectura moi recomendable coa que, ademais, coñecemos un chisquiño máis o minúsculo e abraiante mundo das micro algas e que a propia Xulia Pisón presentará en Komic Librería o vindeiro venres 22 de marzo. A partires das 18:00 horas teremos a honra de contar coa súa presenza, así que xa sabedes: non faltedes!


Micro Algas, el mundo oculto

Micro Algas, el mundo oculto
Xulia Pisón

Universidade da Coruña
Tomos: 1