La esperanza pese a todo, una aventura de Spirou por Émile Bravo: a humanización dun personaxe emblemático

La esperanza pese a todo, una aventura de Spirou


Hai máis ou menos unha década que o autor francés de ascendencia española Émile Bravo nos sorprendeu cun álbum de Spirou que nos cativou de inmediato, e no que trataba de revelar a posible orixe do intrépido botóns aventureiro. O título desa obra era Diario de un ingenuo, editado por vez primeira en castelán por Planeta, e nela atopabamos a Spirou nun contexto histórico ben concreto e interesante: a Bruxelas de 1939, xusto antes do estouro da Segunda Guerra Mundial. Pode que fose pola delicadeza e o talento que o historietista galo amosaba no seu relato, ou se cadra polo feito de ver a un Spirou máis realista e próximo ca nunca. O caso é que Diario de un ingenuo pasou a ser, con todo merecemento, unha das recomendacións inexcusables de Komic Librería, conquistando a unha chea de lectores de tódalas idades.

La esperanza pese a todo, una aventura de Spirou

Cómpre sinalar que esta historia aparecía dentro da colección Una aventura de Spirou por…, unha serie de álbumes, a priori autoconclusivos e independentes, realizados por distintos autores da bd contemporánea (entre os que atopamos nomes tan ilustres como os de Trondheim, Zidrou ou Frank Le Gall), e que ofrecían distintas versións do popular personaxe. Esta premisa foi rota polo tándem formado por Yann e Olivier Schwartz, os primeiros en facer máis dun álbum para esta colección. A eles debémoslles esas dúas xoias que son El botones de verde caqui e La mujer leopardo, onde precisamente exploran a liña cronolóxica e realista iniciada por Émile en Diario de un ingenuo, e continuada neste La esperanza pese a todo que hoxe vos comentamos.

La esperanza pese a todo, una aventura de Spirou

Porque si, benqueridas komiqueiras e komiqueiros, estamos de noraboa xa que hai poucos días chegou ás nosas mans, grazas ao colosal traballo que está a realizar Dibbuks —actual editora de Spirou en España—, o retorno de Émile Bravo coa primeira entrega dunha tetraloxía que, poderedes comprender, convértese para nós nun dos acontecementos máis salientables deste ano. E non é para menos a nosa ledicia, xa que a súa proposta de seguir as primeiras andainas de Spirou nunha Bélxica xa totalmente mergullada no terror da guerra, volve ser unha lectura magnífica e máis que recomendable.

La esperanza pese a todo, una aventura de Spirou

Malia o coñecemento, o respecto e o agarimo polo personaxe que demostra Bravo, aparece unha dúbida nas nosas cabeciñas: emprega a Spirou como excusa para falar deste tempo terriblemente convulso e relevante da historia de Europa ou, pola contra, utiliza este intre fundamental para homenaxear ao botóns máis famoso do mundo do cómic?  Posiblemente haxa un pouquiño das dúas opción e aí fique parte do atractivo deste coidado fresco de época: coller un personaxe totémico da bd (non esquezamos que Spirou foi creado por Rob-Vel en 1938, é dicir, estamos ante un mociño de máis de oitenta anos), afastalo do seu habitual universo e humanizalo situándoo no plano da nosa realidade, concretamente nunha época terriblemente convulsa e relevante da historia de Europa. Unha época que o autor plasma nunha interesantísima mestura de elementos históricos con acción e pequenas pingas de humor. Reflexiona sobre as causas e consecuencias da Segunda Guerra Mundial sen caer en prexuízos nin estereotipos, falando das duras condicións que o Tratado de Versalles impuso aos derrotados na primeira gran guerra, vinte e cinco anos antes, do rol histórico do xudaísmo como «cabeza de turco» para o cristianismo ou que non todos os alemáns apoiaban as ideas nazis.

La esperanza pese a todo, una aventura de Spirou

Para representar a Spirou e a Fantasio, ou ao interesante elenco de roles secundarios que aparecen en La esperanza pese a todo, Émile Bravo volve apostar por unha convincente humanidade —con todo o que isto significa— que os achega sobremaneira aos lectores. O coidado co cal presenta as súas reaccións respecto aos horrores da guerra (a persecución dos xudeus, a miseria e escasez de alimentos, os refuxiados, etc.) apórtalle un aquel realista tremendo á historia e, en certo sentido, permítenos asistir á evolución dos nosos heroes. No caso de Spirou mesmo podemos falar dun paso da adolescencia á idade adulta (do mesmo xeito que en Diario de un ingenuo presenzabamos o seu chimpo da nenez á mocidade), cun rapaz de firmes conviccións e valores morais que é obrigado polas circunstancias a defendelos cun firme compromiso. Contrasta un tanto cun Fantasio que, sempre delirante, non remata de entender a relevancia do que están a vivir e que chega a formar parte de Le Soir, un xornal belga colaboracionista onde se publicaban as aventuras doutro intrépido mozo que é unha das paixóns de Émile Bravo: Tintín. De feito podemos falar de Hergé como unha das principais influencias de Bravo, xa non só nesta aventura de Spirou senón ao longo da súa carreira, algo facilmente notable en títulos como Jules, Aleksis Strogonov ou Mi mamá está en América y ha conocido a Buffalo Hill, todos eles de gran percorrido en Komic Librería.

La esperanza pese a todo, una aventura de Spirou

Cunha estrutura bastante fixa, na que emprega catro fileiras de viñetas na meirande parte das súas 88 páxinas, e un estilo gráfico agradablemente clásico, o autor francés desenvolve con acerto o seu relato, facendo que gocemos enormemente da lectura deste primeiro volume, subtitulado Un mal principio, e que agardemos expectantes polos vindeiros (o segundo deles será editado en Francia e Bélxica o mes que vén), ao tempo que, por suposto, vos recomendamos este novo álbum do mítico Spirou. Benvido de novo, Émile. Benvido de novo, Spirou.


La esperanza pese a todo, una aventura de Spirou

La esperanza pese a todo, una aventura de Spirou
Émile Bravo

Dibbuks
Tomos: 1