Mirror, de Emma Ríos e Hwei Lim: un fermoso conto sobre a liberdade e a tolerancia

Komic Librería: Mirror


Anunciámosvos con gran ledicia a vindeira visita de Emma Ríos, unha autora que nos encanta e que se achegará o venres 4 de outubro ata Komic Librería para presentar e asinar exemplares de Mirror, a enfeitizante fábula realizada a catro mans coa ilustradora Hwei Lim da que vos falamos a continuación

Komic Librería: Mirror

Do mesmo xeito que dunha pequena e simple semente poden medrar as árbores máis altas, as edras máis fortes ou as flores máis fermosas Mirror naceu como un xermolo destinado a formar parte de 8 House, unha colección formada por un grupo de mini-series de temática fantástica ou de ciencia-ficción, arcos narrativos autoconclusivos pero retroalimentados, realizados por distintos artistas.

Komic Librería: Mirror

O plantexamento orixinal de Emma e Hwei chamou a atención do equipo editorial de Image ata o punto de que a súa publicación inicial dentro de 8 house foi cancelada e, no seu lugar, propuxéronlles facer unha serie independente, desenvolvendo máis polo miúdo o seu argumento, un fermoso e poético relato que nos transporta ata a Sincronía, un sistema planetario onde a maxia e a alquimia xogan un papel fundamental.

Komic Librería: Mirror

A historia lévanos ata a colonia de Irzah, un misterioso asteroide ata onde chega un grupo de humanos, exiliados por non ter podido levar a cabo a importante misión que as autoridades lle encomendaran: que, a través da ciencia e a maxia, crearán híbridos entre humanos e animais. Esta inédita convivencia estoura cando estes seres conscientes, ao desenvolver a súa intelixencia, rebélanse na procura da liberdade nun levantamento que remata en traxedia. Coas consecuencias disto ábrese a lectura de El reflejo de la montaña, o primeiro dos dous volumes (xunto co recentemente editado El nido) que conforman esta obra, e a medida que avanzamos nas súas páxinas imos descubrindo máis sobre os segredos deste mundo novo, sobre a historia dos seus protagonistas e do propio asteroide.

Komic Librería: Mirror

Canto máis sabemos máis preguntas temos e máis queremos coñecer, grazas ao interesante e complexo entramado de personaxes e continuos saltos temporais plantexado polas autoras, que empregan este universo para tratar con realismo e madurez temas existenciais como a liberdade, a tolerancia ou a aceptación de nós mesmos e dos demais. Temáticas sempre fundamentais pero que a actualidade, coa maior crise de refuxiados da historia da humanidade e o auxe de movementos supremacistas e neofascistas, fai que sexa necesario voltar e reflexionar sobre eles.

Komic Librería: Mirror

Este carácter existencialista provoca que Mirror resulte ser unha metáfora máis próxima e precisa do que pode semellar a primeira vista, un fermoso e —aparentemente— sinxelo recipiente que agocha no seu interior un tesouro moito maior. Un tesouro que é ademais un reto, xa que esixe unha implicación por parte dos lectores e lectoras que é moi de agradecer nestes tempos onde todo se nos dá mastigado. A ruptura da linealidade da historia, a ausencia de narradores ou caixas de texto explicativas, o carácter coral do seu elenco de personaxes ou as temáticas que subxacen no relato, son detalles que obrigan a calquera que se achegue a el a poñer da súa parte para entendelo e apreixalo, como acontece coas dúas referencias das que bebe esta obra: a novela de HG Wells A illa do Dr. Moreau, e o manga de Osamu Tezuka Oda a Kirihito.

Komic Librería: Mirror

Outro aspecto salientable de Mirror é a sorprendente sinerxia que desprende o traballo conxunto das dúas autoras e a palpable conexión que existe entre elas. De feito, malia estar escrito na súa meirande parte por Emma e debuxado por Hwei, as dúas participan activamente en ambas tarefas, o que resulta tremendamente enriquecedor para o resultado final e especialmente visible no fermosísimo apartado gráfico, cun lírico coloreado en acuarela e páxinas que semellan auténticos mosaicos. A suavidade no trazo da artista malaia dulcifica a historia e apórtalle un aquel de fábula idóneo para o relato que nos conta.

Komic Librería: Mirror

Un relato, pois, que nos fai reflexionar ao tempo que nos fascina e no que resulta notable a compenetración entre as súas autoras, que agardemos non desboten a idea de achegarse de novo no futuro ao mundo da Sincronía, algo que sen dúbida agradeceriamos os seus lectores e lectoras. Aproveitamos este artigo para, ademais de vos recomendar esta obra, anunciar que o vindeiro venres 4 de outubro, a partires das 18:00 horas, contaremos en Komic Librería coa presenza de Emma Ríos, que asinará exemplares desta auténtica marabilla que é Mirror. Non volo perdades, agardámosvos!


Komic Librería: Mirror

Mirror 1. El reflejo de la montaña
Emma Ríos / Hwei Lim

Astiberri
Tomos: 1





Komic Librería: Mirror

Mirror 2. El nido
Emma Ríos / Hwei Lim

Astiberri
Tomos: 1