Groenlandia-Manhattan, de Chloé Cruchaudet: esquimós encadeados á gran mazá

Groenlandia-Manhattan


Chloé Cruchaudet é unha salientable investigadora que, coa axuda de documentalistas e outros investigadores, creou unha obra extraordinaria e desacougante ao mesmo tempo Groenlandia-Manhattan. Publicada por Norma Editorial dentro da súa colección "Nómadas", acadou o gran premio Goscinny en 2008.

É unha historia baseada en feitos reais que conta como a incursión dos homes brancos en terras árticas non tiña como fin simplemente ser os primeiros en chegar a latitudes tan afastadas, senón tamén traer deses lugares obxectos e persoas que resultaban canto menos exóticas, sen ter en conta sentimentos e tradicións que producían un desarraigo profundo nos innuit, a comunidade máis setentrional do mundo.

En 1987, en Estados Unidos, o comandante Robert Peary regresa tras tentar unha vez máis chegar ao Polo Norte, e nesta ocasión trae consigo a cinco esquimós. É esta unha historia de ideoloxía colonial e racista lexitimada pola política e máis a ciencia.

Groenlandia-Manhattan
Os protagonistas, eses cinco esquimós, atópanse, sen saber moi ben como, en Nova York. Pódese aprezar unha actitude de superioridade, indiferencia e falta de escrúpulos cara eles por parte dos americanos que a autora sabe facernos chegar moi ben, ao igual que a soidade e a tristura que deberon sentir estes homes lonxe dos seus mil e un brancos.

Groenlandia-Manhattan
Pechados nuns cuartos nos que atoparán a morte, despois de recibir o único co que os agasallaron os americanos, é dicir, virus e bacterias para os que non tiñan defensa algunha. Estes homes, fortes e intelixentes, que eran quen de sobrevivir nun clima estremo, atopan o seu final nas doenzas transmitidas pola poboación branca.

Groenlandia-Manhattan
No caso do noso protagonista principal, Minik, cando chega a América é só un cativo e, aínda que sobrevive e volve ás súas terras, ao chegar alí decátase de que xa non forma parte do seu pobo, co cal está totalmente fóra de lugar, sen esquecer que a súa familia, cos que fixera a súa primeira viaxe a Manhattan, morreu e os seus corpos non repousan como manda a tradición dos Qannaq, senón que están expostos en museos coma se foran obxectos.

En fin, creo que toda esta realidade que agora semella tan afastada é canto menos surrealista e só grazas ás presións das autoridades groenlandesas puidéronse recuperar numerosos corpos que por fin volveron a casa.


Groenlandia-ManhattanGroenlandia-Manhattan
Chloé Cruchaudet

Norma
Tomos: 1