Barrera, de Brian K. Vaughan, Marcos Martín e Muntsa Vicente: unha viaxe alucinante sobre a migración, a comunicación e a violencia

Komic Librería: Barrera


A obra que vos propoñemos hoxe é unha viaxe, pero non unha calquera, senón unha moi especial chea de sorpresas, emocións e marabillas tales que o remate da súa lectura obriga necesariamente a sentarse e reflexionar sobre o que vimos de presenzar e o que significa. Porque as páxinas de Barrera agochan máis, moito máis, do que pode semellar a priori.

Komic Librería: Barrera

E iso que temos ante nós, todo hai que dicilo, un álbum que resulta rechamante xa a primeira vista. O seu formato apaisado, herdeiro da súa orixe dixital, e a súa capa, ilustrada cunha paisaxe desértica dividida por un valado metálico que se estende ata o horizonte, atraen a atención de lectores e lectoras de todo tipo, como puidemos percibir nas escasas semanas que leva o libro nos nosos andeis.

Komic Librería: Barrera

Un detalle importante e nada gratuíto agarda polo observador atento na portada: o seu título aparenta estar parcialmente quebrado, coma se fose un anuncio introdutorio do que se nos vai contar no interior, xa que Barrera trata, efectivamente, de barreiras, pero daquelas que deberían ser rotas. O dicionario da RAG define «barreira» na súa primeira acepción como un «obstáculo (artificial) que impide o paso, a comunicación ou o contacto». Xa que logo podemos considerar como barreira conceptos tan distintos como un muro, un río caudaloso, un prexuízo, unha fronteira ou o descoñecemento dun idioma.

Komic Librería: Barrera

Sobre todos estes atrancos, e as posibles maneiras de evitalos, trata Barrera a través dos seus protagonistas principais: Liddy, unha rancheira texana en horas baixas, e Óscar, un inmigrante hondureño que vén de chegar ilegalmente aos Estados Unidos. Aos poucos, e despois de presenzar á súa abdución por unha xigantesca nave alieníxena, iremos descubrindo máis sobre eles, e tamén sobre os seus captores. Ao tempo asistimos á súa loita por sobrevivir e comprender o que están a pasar, algo que nos leva a empatizar con todos eles. Os autores aproveitan esta insólita experiencia para avogar polo entendemento como xeito de rachar esas distintas barreiras das que falabamos antes, procurando as cousas que nos unen máis que aquelas que nos separan. Ideas máis que necesarias nos tempos actuais, onde a desigualdade, a pobreza e as guerras producen desesperados movementos migratorios sen precendentes e antes os cales o autoproclamado «primeiro mundo» demostra un día si e outro tamén non estar preparado.

Komic Librería: Barrera

Esta mestura de reflexión socio-política con ciencia-ficción supón a confirmación dun espectacular equipo creativo que volve amosar o seu talento e o ben que se lles dá traballar xuntos despois do éxito do seu anterior traballo, o premiado noir futurista The Private Eye. Como se se tratase dunha relación simbiótica no canto dunha artística, o excelente guión de Brian K. Vaughan volve encaixar á perfección co debuxo —estupendo e impecable— de Marcos Martín, complementado á súa vez pola magnífica paleta de cores de Muntsa Vicente. Vaughan demostra unha vez máis que é un dos guionistas estadounidenses máis interesantes da actualidade —Paper Girls, Saga, Ex-Machina ou Y, el último hombre son bos exemplos da súa creatividade—, e a parella formada polos cataláns Marcos e Muntsa aproveita a diversidade de escenarios e personaxes para construír páxinas tan abraiantes como fermosas —co formato horizontal deléitanse na recreación dos numerosos espazos abertos que aparecen na obra, o deseño dos alieníxenas foxe do antropomorfismo e baséase en distintas flores exóticas existentes na Terra e, repetimos, o traballo da colorista semella, por momentos, non ser deste planeta…—. Pequenos pero relevantes detalles, como a súa condición trilingüe —algúns dos personaxes de Barrera falan en inglés, outros en español latino e os alieníxenas na súa particular linguaxe extraterrestre—, ou que cando vemos dende o espazo exterior o planeta Terra este apareza ao revés de como se representa normalmente —co Sur ocupando a parte superior— son outras probas da intención desta obra de rachar con barreiras e estereotipos.

Komic Librería: Barrera

Así pois aquí vos deixamos esta suxestión, un libro, orixinariamente publicado en formato dixital como miniserie de cinco números por Panel Syndicate, e posteriormente en tebeos de grampa por Image Comics, que vos sorprenderá e fascinará. Unha reflexión sobre a comunicación, as migracións e violencia que dá, e moito, que pensar, ao tempo que desafía á América e ao mundo que queren Trump e compañía.


Komic Librería: Barrera

Barrera
Brian K. Vaughan / Marcos Martín / Muntsa Vicente

Gigamesh
Tomos: 1