La saga de Grimr, de Jérémie Moreau: unha historia universal na terra do lume e o xeo
Coa friaxe de xaneiro tamén chegou ata Komic Librería La saga de Grimr, un épico e conmovedor relato ambientado na Islandia do século XVIII que serve para refrendar o talento do francés Jérémie Moreau, un artista que acadou a nosa atención con títulos como El mono de Hartlepool —onde ilustraba o magnífico e divertido texto de Wilfred Lupano— ou Max Winson —unha metafórica historia en dous tomos na que se ocupaba do guión e máis do debuxo—. Naquelas ocasións expresamos a nosa intención de seguirlle a pista ben de preto a este autor e as nosas ganas de ler máis obras del. Así que comprenderedes a nosa satisfacción, xa que aquel prometedor debuxante e narrador regresa coa súa obra máis madura e redonda, unha auténtica marabilla que resultou merecente da Palma de Ouro no Festival de Angoulême no ano 2018.
Antes de falar máis polo miúdo sobre esta agradecida novidade cómpre dicir que, ao mergullarnos nas súas páxinas tendo en conta os devanditos traballos anteriores de Jérémie, podemos aprezar algunhas das características que máis valoramos nun autor, como son a inquedanza permanente e a capacidade de evolución. A través das viñetas destas tres bandas deseñadas asistimos a unha progresión evidente e a unha inconformista variedade de rexistros que o emparentan dalgún xeito con nomes tan ilustres no mundo da bd europea recente, e tan do noso gusto, como Cyril Pedrosa, Manuele Fior ou Manu Larcenet.
En La saga de Grimr Jérémie homenaxea ás máis antigas expresións da literatura islandesa, as sagas, obras de carácter histórico escritas principalmente nos séculos XIII e XIV nas cales a xenealoxía familiar dos devanceiros ocupa un papel primordial, do mesmo xeito que o fai nesta banda deseñada, xa que nunha sociedade onde as persoas son definidas pola súa liñaxe o noso protagonista é —paradoxicamente— un orfo, un neno aparecido milagreiramente de entre as cinzas dunha grande erupción volcánica que arrasa coa súa casa e a súa familia. Este cativo, chamado Grimr, vai ver engadido ao seu nome o apelido Enginsson (literalmente «fillo de ninguén»), como un estigma que denota a súa condición de descastado.
O relato ambiéntase no século XVIII, nun dos períodos máis duros da historia desta abraiante e maxestuosa illa nórdica, unha época na que son continuas as desgrazas (erupcións volcánicas, mortandade do gando, epidemias, fame…) unidas ao continuo espolio dos seus recursos por parte dos dinamarqueses, que controlan Islandia dende hai máis de catro séculos. É nestes días escuros nos que vive Grimr, un home sen pasado, sen terras, sen familia. Mais dotado dunha vontade indomable, unha excepcional forza hercúlea e, sobre todo, o fervente desexo de se converter nalguén extraordinario para que o seu nome sexa lembrado polas xeracións futuras.
Para chegar ao seu obxectivo terá que afrontar toda unha chea de atrancos, coma se o destino conspirase contra el, como se a súa fose unha vida de infortunios e adversidades que o afastan da súa arela de pasar á posteridade, de gravar o seu nome na pedra volcánica da historia. A súa viaxe non vai ser un camiño doado, nel coñecerá o amor e a amizade, pero tamén a traizón e o rexeitamento. A súa afouteza, a súa enerxía feroz e a fonda conexión que posúe coa terra que pisa serán as súas armas para non ser vencido e tentar pasar á posteridade.
Esta narración, dobremente circular, comeza e remata na figura de Einnar, un home procedente dunha familia de escaldos (poetas) decidido a revitalizar o xénero das sagas e un personaxe clave no desenvolvemento das andainas de Grimr, mais tamén ten o seu inicio na erupción que converte ao noso protagonista en orfo e o seu peche no catastrófico estouro da cadea volcánica do Laki, en 1783, que matou a unha cuarta parte da poboación islandesa e á metade do gando da illa, na que é unha das numerosas referencias a personaxes e acontecementos acontecidos na realidade que aparecen na obra.
Jérémie Moreau plantexa o texto dende o respecto e o agarimo cara as tradicións islandesas, cun axeitado lirismo e un verbo elegante, características que, unidas á fermosura magnética das súas ilustracións —nas que mestura distintas técnicas e estilos— constitúen un acertado cóctel de clasicismo e modernidade. Recréase na reprodución das paisaxes, escenarios dunha beleza brutal e primaria, espazos indomables que as súas acuarelas reflicten con paixón e acerto. E sobresae tamén a expresividade que lle outorga ás facianas dos personaxes, a capacidade de transmitir sentimentos a través dos rostros cun aquel aparentemente minimalista.
La saga de Grimr é, pois, un excelente libro de carácter novelesco, ecos telúricos e raizames clásicas que vos recomendamos coa seguridade de estar ante unha desas raras obras de arte que non podes esquecer despois de pasar polas súas páxinas. Un traballo magnífico que, repetimos, é boa mostra do talento de Jérémie Moreau, un autor que xa ten o seu nome inscrito na historia da bd europea.
La saga de Grimr
Jérémie Moreau
Norma Editorial
Tomos: 1