Siempre tendremos 20 años, de Jaime Martín: o honesto testemuño dunha época, unha vocación e unha vida

Siempre tendremos 20 años


Jaime Martín, malia o seu aquel xuvenil, é todo un corredor de fondo no mundo da banda deseñada. Comezou a súa carreira case ao mesmo tempo que a Komic Librería, hai máis de trinta anos, e na actualidade é un autor consolidado e respectado. Hai cousa dunha década, porén, atopouse nun intre complicado a nivel creativo, sen ter moi claro cal ía ser o seu seguinte proxecto. A súa incipiente carreira no mercado francés, grazas a álbumes como Lo que el viento trae e Todo el polvo del camino, abríralle novas perspectivas a un autor que semellaba encadrado no papel de «cronista de barrio» e que, para sorpresa de algúns, foi amosando unha interesante evolución que o confirmou como un excelente e versátil narrador.

Siempre tendremos 20 años

Nese devandito periodo de falla de inspiración Jaime decide, por suxestión materna, contar o servizo militar do seu pai, nun relato que abanea entre o xénero histórico e o costumismo familiar. O resultado, un magnífico álbum editado en 2014 e titulado Las guerras silenciosas, acabou por ser daquela unha das nosas principais recomendacións do ano. E tamén foi, sen sabelo nós e pode que tampouco o seu responsable, a primeira entrega dunha atípica e inesperada triloxía sobre a súa família, que continuou maxistralmente con Jamás tendré 20 años (2016) —centrándose aquí nas vivencias dos seus avós maternos— e que agora conclúe con Siempre tendremos 20 años, no que conta a súa propia historia.

Siempre tendremos 20 años

Martín dá inicio ao seu relato o 20 de novembro de 1975 cando, con nove anos, comeza a percibir entre confuso e emocionado os aires de cambio que se intúen trala morte de Franco. Ao igual que fixera nos dous álbumes anteriores, mestura con mestría e soltura a súa propia intimidade e a da súa familia coas vibrantes mudanzas e acontecementos que vive a sociedade española despois de case corenta anos de ditadura franquista. Cambios especialmente relevantes na vida dun cativo de Hospitalet, que empezou a súa adolescencia ao mesmo tempo que chegaba a democracia con liberdades inimaxinables tan só uns anos antes.

Siempre tendremos 20 años

As experiencias iniciáticas deses anos, normalmente compartidas co seu grupo de amigos, e esas descobertas fundamentais que marcan para sempre —sobre todo no que respecta á música e á banda deseñada—, conectan esta obra con outro dos nosos títulos favoritos: Historias del barrio, de Gabi Beltrán e Bartolomé Seguí, coa diferenza de que en Siempre tendremos 20 años atopamos menos desacougo existencial e máis atención ao mundo que rodea ao autor.

Siempre tendremos 20 años

Porque o certo é que, a través das sinxelas e significativas anécdotas que Jaime Martín recrea, reproducidas con agarimo pero sen nostalxia, vemos como o autor vai aprendendo sobre a vida ao tempo que nos leva a revisitar a transición, especialmente os seus primeiros anos, sen edulcorar e dende a súa perspectiva, a dun mozo dun barrio obreiro nos arrabaldos dunha gran cidade. Sen adornos ou eufemismos temas como a drogadicción, a «mili», a violencia na rúa, a precariedade laboral ou os conflitos sociais aparecen nas súas viñetas mentras traza o retrato dunha xeración enteira, ás veces agochada, ás veces silenciada.

Siempre tendremos 20 años

Aquí atopamos un dos grandes atractivos desta obra e das súas dúas antecesoras: se cadra sen prentendelo, o autor dálle voz aos que normalmente non a teñen, ás persoas que dificilmente aparecerán nos libros de historia. E faino con naturalidade e precisión, sen alardes nin maniqueísmos, aproveitando ao máximo o seu debuxo de trazo limpo e o seu talento como contador de historias.

Siempre tendremos 20 años

Pero, por se todo isto fose pouco, Siempre tendremos 20 años resulta ser tamén unha oportunidade única de asistir á evolución dun autor e dun sistema artístico e editorial ao longo de varias décadas. De primeira man espreitamos os comezos de Martín, o inquebrantable convencemento que ten dende cativo de adicarse á banda deseñada, seguindo por diversos momentos, cos seus triunfos e éxitos, mais tamén cos seus fracasos e dúbidas, que foron marcando a traxectoria ata chegar onde hoxe se atopa. A medida que vemos a súa progresión aprezamos así mesmo a experimentada pola industria do cómics nos últimos anos, nun documento de grande interese para os amantes desta arte.

Siempre tendremos 20 años

Esta é, xa que logo, unha lectura entretida e reconfortante, un libro feito cun agarimo tremendo que percibimos dende a súa primeira páxina, un retrato xeracional con gran poder evocativo para os que viviron aquela época, e un testemuño honesto sobre un tempo de grandes mudanzas. Unha obra, en definitiva, que vos recomendamos enormemente e que deixa en nós un pouso de merecido agradecemento, unha inmensa sensación de gratitude cara un historietista que sempre terá 20 anos.


Siempre tendremos 20 años

Siempre tendremos 20 años
Jaime Martín

Norma Editorial
Tomos: 1