Temporada de Rosas, de Chloé Wary: marcándolle goles ao machismo

Komic Librería: Temporada de rosas


Retomamos as nosas recensións cunha lectura empoderadora que chega dende terras francesas da man dunha autora moi prometedora. Un retrato social realista, fresco e moi ben construído que vos recomendamos cos ollos pechados.

Komic Librería: Temporada de rosas

Que fermoso é para nós, como libreiros, rematar unha lectura coa sensación de ter topado cun tesouro, cunha marabilla que cómpre compartir. Algo moi semellante vimos de sentir nas páxinas de Temporada de Rosas, un álbum recentemente editado en castelán por Astiberri que agocha, baixo a súa rechamante portada, unha chea de puntos de interese e atractivos sorprendentes. A súa autora, a francesa Chloé Wary, semella ter moi claro o que quere contar e o xeito de facelo, como ben demostra con esta historia sobre unha adolescente que xoga ao fútbol.

Komic Librería: Temporada de rosas

Bárbara, a nosa protagonista, é unha moza que vive coa súa nai en Rosigny-sur-Seine, unha localidade situada no extrarradio de París, semellante a tantas outras nos arrabaldos dunha gran cidade. Este ano vai ser importante para ela, comeza o derradeiro curso no instituto e, sobre todo, ten a oportunidade de clasificarse para o campionato nacional coas Rosas, o equipo local onde xoga ao fútbol, que máis que a súa gran paixón poderiamos dicir que é o centro do seu universo: non só é a capitana e unha das máis destacadas das Rosas, senón que as súas amigas son tamén as súas compañeiras e, por se todo isto fose pouco, ten unha relación amistosa/afectiva co capitán da sección masculina.

Komic Librería: Temporada de rosas

Con este argumento a autora, de maneira moi intelixente, mestura a crónica do paso da adolescencia á idade adulta co retrato veraz dunha cidade periférica e cunha crítica ao machismo que tristemente segue vixente na(s) nosa(s) sociedade(s) e que é especialmente notable no fútbol, como comproban Bárbara e as súas compañeiras cando o seu soño periga por este motivo.

Komic Librería: Temporada de rosas

Chloé Wary, non esquezamos este nome, plantexa o seu relato cunha frescura irresistible e un convincente realismo, grazas á excelente construción dos personaxes e dos escenarios por onde se moven. Nesta honesta credibilidade resulta fundamental o emprego que fai da súa propia experiencia vital (naceu e medrou na banlieu parisina e tamén xogou ao fútbol) e onde ten así mesmo un papel importantísimo o estilo gráfico, tremendamente colorido e dinámico, cun debuxo que posúe unha certa inxenuidade naif profusamente coloreado con rotuladores de cores nun festival cromático no cal caemos rendidos ata os máis clásicos.

Komic Librería: Temporada de rosas

Con todos estes ingredientes Chloé aproveita para contradicir a mala reputación que adoita ter a poboación da periferia e reivindicar a igualdade de condicións entre mulleres e homes, realizando un xusto e agradecido exercicio de loita feminista cunha historia que nos demostra unha vez máis que non é preciso ter súper poderes para combater as inxustizas. Ah, e tamén que na mocidade actual hai máis, moito máis, que trap e youtubers.


Komic Librería: Temporada de rosas

Temporada de Rosas
Chloé Wary

Astiberri
Tomos: 1