Semillas, de Ann Nocenti e David Aja: un enfeitizante e maxistral labirinto distópico

Komic Librería: Semillas


Debemos recoñecer que poucas veces agardamos un título con tantas ganas. Cando hai uns dous anos recibimos o primeiro número da edición estadounidense de The Seeds onde daba comezo este relato non podiamos saber a) que iamos tardar tanto en poder completar as pezas deste marabilloso mosaico, b) que a ficción proposta nas súas páxinas ía atopar tantos paralelismos coa realidade e c) que o resultado final ía ser tan rematadamente bo.

Komic Librería: Semillas

Explicámonos: Semillas chamou a nosa atención dende que tivemos coñecemento dela debido á nosa admiración polo seu tándem creador. Por unha banda, o vallisoletano David Aja, un ilustrador espectacular, intelixente e minucioso que leva anos a nos abraiar co seu talento. Pola outra Ann Nocenti, un nome mítico para os lectores de Marvel dos anos oitenta e noventa, unha guionista imaxinativa e de gran consciencia social que é tamén unha relevante pioneira da entrada da muller na novena arte.

Komic Librería: Semillas

Combinación gañadora, pensabamos para nós. Dúas voces tan persoais e interesantes nunha mini serie pensada inicialmente para ser catro tebeos de grampa e na que ían dispoñer de liberdade creativa total. Bravo. Pero ao chegar ao seu capítulo inicial decatámonos de que calquera expectativa podía ser superada. Atopámonos ante unha historia enfeitizante, construída polo miúdo cun detallismo fascinante e un deseño gráfico totalmente irresistible.

Komic Librería: Semillas

E daquela chegou a pandemia. E moitas cousas pararon, mudaron, foron canceladas. Tamén no mundo editorial norteamericano. Por este motivo os números 3 e 4 da edición orixinal nunca chegaron a ver a luz e tivemos que agardar pacientemente ata este marzo de 2021 onde, por fin, puidemos ter nas nosas mans o magnífico volume de Astiberri que recolle a obra completa. Pagou a pena a espera? Pois pensamos que si, sen dúbida. E os motivos son varios.

Komic Librería: Semillas

Semillas, mesmo dende a súa portada, é un labirinto. Pero un labirinto que ao rematar a súa lectura espreitamos dende arriba, quedándonos ben claro o seu trazado, as súas entradas, a(s) súa(s) saída(s). Un quebracabezas ambientado nun hipotético e convulso futuro próximo onde o colapso medioambiental está máis preto ca nunca. Nunha sociedade afogada e escravizada pola tecnoloxía unha parte da humanidade decide rexeitar todo isto e vivir á outra beira do muro que divide o mundo en dous. Como dúas son tamén as correntes científicas totalmente opostas que apostan entre si polo futuro do planeta. E do mesmo xeito dous son os seres que protagonizan a historia de amor que desafía todo convencionalismo e que funciona como un dos motores deste relato.

Komic Librería: Semillas

Nesta mestura de xéneros (que vai do eco-thriller distópico ao romance pasando pola ciencia-ficción e a reportaxe xornalística) Nocenti e Aja deciden facer traballar aos lectores, obrigándonos a ser suxeitos activos e non pasivos. A comprensión do relato precisa da nosa intuición e implicación e podémosvos asegurar que a súa lectura resulta ser unha experiencia altamente satisfactoria. Unha lectura, tamén, que posúe un certo aquel visionario e que nos leva á reflexionar sobre temas tan actuais como a relación que mantemos co planeta, o noso futuro inmediato supeditado ás catástrofes medioambientais das que somos na súa meirande parte responsables, o papel dos medios de comunicación e das chamadas fake news na construción social dos nosos días ou a relevancia da utopía e do idealismo nestes tempos estraños.

Komic Librería: Semillas

O deseño e a estrutura da obra, pensados detalladamente e elaborados coa precisión dun ourive, funciona e atrapa dende a primeira páxina. Cada acto dos catro que forman este conto gráfico comeza e remata cun hexágono, unha figura xeométrica recorrente durante todo o libro e que lembra ás celas que compoñen unha colmea. Dalgún xeito os autores administran a información que nos aportan sobre o seu reparto coral e as súas accións como se de celas ailladas se tratase, para que nós miremos dende a distancia a súa suma e teñamos a historia enteira (a colmea) á nosa disposición.

Komic Librería: Semillas

Para ensamblar todas as pezas deste ambicioso e arriscado plantexamento os autores contan con dous recursos que demostran ser infalibles: a conexión e simbiose que amosan como parella creativa, algo que queda patente ao longo de toda a obra, e o excelente traballo gráfico de David Aja. E non nos referimos tan só ao nivel do seu debuxo, ou a utilización do bitono, senón tamén á construción das páxinas e aos metódicos enfoques (nos que proliferan as aproximacións e os zooms inversos) que emprega maxistralmente como ferramentas narrativas.

Komic Librería: Semillas

Unha obra tal que merece —e agradece— a coidada e asequible edición publicada por Astiberri, na cal os autores tiveron control total. En definitiva, un álbum que ten, na nosa opinión, un nivel de calidade altísimo, un título destinado a ser un clásico moderno e a entrar no «olimpo» dos relatos distópicos.


Komic Librería: Semillas

Semillas
Ann Nocenti / David Aja

Astiberri
Tomos: 1