ALDARA: A LENDA DO CERVO BRANCO, de Inés Vázquez : a prometedora estrea dunha autora a seguir.
Apoiada por unha técnica no debuxo e na cor á altura da mellor bd europea do momento Inés Vázquez constrúe unha historia orientada cara o público xuvenil –pero moi recomendable tamén para o adulto- na que mostra a vida e costumes dun grupo de rapaces do rural galego da primeira metade do século XX, cousas que ela, pola súa xuventude, coñeceu a través da súa nai e da súa avoa. É algo ben valioso porque todas as lectoras e lectores novos de agora descubrirán moitos detalles da vida de entón por medio desta lectura malia que, como podedes imaxinar polo título da obra, estamos a falar dunha aventura moito máis ambiciosa.
Aldara é unha rapaza á que, ademais de pesárenlle todas as tarefas diarias que unha moza tiña que facer na casa e fóra dela naquela época, atormenta unha desgraza familiar acontecida no pasado recente. As cousas van cambiar algo cando outro mozo, perdido dende hai tempo polos montes que rodean a aldea na que vive Aldara, aparece en escena e vai quedar na súa casa ata atopar aos seus familiares.
Tomando como inspiración unha lenda dos Ancares a autora, con máis dun xiro argumental, introduce elementos fantásticos facendo que a aventura cobre unha dimensión máis mística que os lectores amantes dos xéneros menos realistas aprezarán na súa xusta medida.
O peche deste extenso relato vaise ver reforzado polo que aportan os cambios cromáticos das últimas páxinas, onde unha vez máis Inés, nesta a súa primeira obra longa, confirma o bo sabor de boca que nos deixara a súa participación no álbum colectivo Licor café, editado tamén por Demo.
Tanto nos gustou esta lectura que desexariamos seguir a ler máis da vida e aventuras de Aldara, pero se a autora prefire tomar outro camiño igualmente estaremos atentos aos seus vindeiros traballos co mesmo entusiasmo co cal acollimos este libro.
Aproveitamos para vos comentar que este vindeiro venres 1 de outubro, a partires das 18:0 horas, Inés Vázquez visitará a nosa librería para presentar e adicar exemplares desta magnífica obra que hoxe vos recomendamos.