AS AVENTURAS DE VANI: MONTAÑA, de Jorge Campos (Demo): a presentación dun pillabán de altura.
Falámosvos hoxe dunha das novidades da banda deseñada galega aparecidas nestes últimos meses, un álbum dirixido cara o público infantil e xuvenil que foi presentado no pasado festival Viñetas desde o Atlántico.
O seu autor, Jorge Campos, vai desenvolvendo aos poucos unha traxectoria ben interesante e variada dende o seu magnífico debut con Alter-nativo (Aira, 2017), un estupendo e abraiante experimento formal que nos deixou coa boca aberta, para máis tarde facernos rir a cachón cos dous volumes de Unha mestra en apuros (Bululú), onde debuxa as historias escritas por Pilar Serrano. Neste 2021, ademais deste Montaña, viu a luz O destino de Kameko (Aira), un fascinante relato ambientado no Xapón medieval onde Jorge presta o seu talento para plasmar o guión de Abel Alves. Xa que logo, como podedes comprobar, estamos ante un artista produtivo e inquedo, cun trazo sinxelo pero efectivo que se adapta a xeneros moi diversos.
O libro que hoxe comentamos é unha historia autoconclusiva pero con toda a pinta de ser o primeiro dunha posible colección protagonizada por Vani, un rebuldeiro cativo a quen imos coñecer cando decide subir ata o cumio da montaña máis alta que rodea a pequena vila onde vive.
Esta viaxe, a priori un plácido paseo pola montaña, vai estar chea de atrancos e dificultades que Vani terá que superar para chegar ao seu destino. Para isto vai contar co seu espírito atrevido (ás veces rozando a inconsciencia) e o seu carácter irreverente e un chisquiño de fortuna.
O resultado final é unha lectura de ritmo áxil, chea de frescura, humor e sorpresas, que deixará un sorriso en lectores e lectoras de tódalas idades, grazas á fina retranca coa cal narra Jorge Campos as aventuras de Vani a través dos cinco capítulos que compoñen este álbum. E, sobre todo, polo innegable atractivo dun personaxe principal tan descarado que o entroncamos con outros grandes fedellos da historia da bd como Shin Chan, Fiz ou Arale.
Aproveitamos para vos comentar que este vindeiro venres 12 de novembro, dende as 18:00 horas, teremos o pracer de contar coa presenza de Jorge en Komic Librería para presentar e asinar exemplares deste As aventuras de Vani: Montaña. Agardamos contar convosco!!!