O DESTINO DE KAMEKO, de Abel Alves e Jorge Campos (Aira): aventuras e fantasía no Xapón do século XIX.



alt


O poder de atracción da cultura xaponesa resulta innegable nestes días, onde cada vez son máis as persoas enfeitizadas por un país onde tradicións milenarias e fascinantes camiñan da man coa modernidade máis futurista.  Un engaiolamento no cal ten moito que dicir a tremenda difusión do manga e do anime, a banda deseñada e os debuxos animados xaponeses, que contan por millóns e millóns os seus seguidores nos países occidentais.  Xa que logo non é unha sorpresa que a súa influencia chegue ata a bd galega e dous dos seus nomes máis relevantes unan as súas forzas para nos presentar un estupendo relato ambientado no País do Sol Nacente do século XIX.




Da man do guionista Abel Alves chegáronnos títulos tan salientables como Aram o armenio, Segunda Venida ou A tumba de Breogán, mentras que obras como Alter-nativo, As aventuras de Vani: Montaña ou Unha mestra en apuros levan o selo de Jorge Campos, ben como ilustrador, ben como autor total.  Álbumes todos eles que están entre os máis destacados das nosas viñetas nestes últimos anos, motivo polo cal a confluencia destes dous talentos presentábase como altamente interesante, xa a priori, algo confirmado por enteiro trala súa lectura.

alt


En O destino de Kameko Abel e Jorge vannos levar ata os primeiros anos da Era Meiji, un período clave da historia xaponesa que comeza no ano 1868 e que marca o inicio da súa modernización e occidentalización.  Nesta época coñecemos a Chiharu, unha moza orfa que é atacada polos bandidos que veñen de asolar a súa vila.  Ao seu rescate acode unha misteriosa e silandeira nena que leva unha tartaruga na cachola e posúe unhas excepcionais capacidades para o combate.  Xuntas emprenderán unha emocionante viaxe co obxectivo de salvar ao Espírito do Norte.


alt

Con esta mestura de aventura e fantasía arranca un relato moi ben construído, cheo de acción, sorpresas e numerosas referencias culturais xaponesas, tan ben trazado que, malia estar dirixido orixinariamente cara o público xuvenil, recomendamos a lectores e lectoras de tódalas idades a partires dos 10 anos.

alt

Unha nova mostra do excelente traballo duns autores que xa son unha realidade e onde tamén hai que agradecer a continuidade da aposta pola bd da editora alaricana Aira.

alt

Aproveitamos para vos anunciar que o vindeiro venres 11 de marzo teremos o pracer de contar con Abel Alves e Jorge Campos en Komic Librería para presentar e asinar exemplares deste Destino de Kameko que hoxe vos presentamos e que agardamos vos guste tanto como a nós.