O PEXEGO MECÁNICO, de Víctor Tizón (Demo): unha imaxinativa e divertida viaxe polo Alén.

alt

O certo é que o pasado verán foi toda unha sorpresa, e ben agradecida, a publicación de O pexego mecánico por parte de Demo Editorial. Sorprendente polo inclasificable e pouco habitual do seu estilo no panorama da bd galega contemporánea e porque a súa saída do prelo conlevaba o retorno de Victor Tizón, ilustrador e historietista vigués a quen atopamos na primeira liña dos fanzines e publicacións alternativas nos rebuldeiros inicios dos anos oitenta. Malia centrar a súa carreira na ilustración e no humor gráfico durante as décadas seguintes a pegada do underground da época resulta evidente nas páxinas do título que hoxe vos comentamos, un lisérxico e surrealista paseo pola fronteira infinda entre a vida e a morte.


pexego pax01

A través das súas propias vivencias –ou “mortencias”, quen sabe- acompañamos a Aniceto, o protagonista desta historia, por unha inhóspita e desolada paisaxe na procura do descanso eterno, nun relato que o autor define como humor terrorífico ou terror humorístico. E faino con toda a razón, xa que o que podería ser un pesadelo kafkiano devén nun delirante camiño grazas aos continuos xogos de palabras e paronimias, xunto cos esmendrellantes monólogos e diálogos que Aniceto mantén consigo mesmo e cos múltiples encontros que ten no seu vagar de ultratumba.


pexego pax06

Entre o elenco de estraños personaxes que cruzan os seus pasos con el recoñecemos cameos de ilustres persoeiros como Buñuel, Poe, Edward G. Robinson, Hitchcock, Van Gogh, Ringo Starr e Charlie Watts, Gonzalo Torrente Ballester, Calígula e mesmo Jack Nicholson no papel de Jack Torrance.


pexego pax34

Pero ollo, este divertidísimo aquel retranqueiro que lle imprime Tizón á obra enteira agocha así mesmo unha certa reflexión sobre o carácter circular da vida onde as fronteiras entre comezo e final aparecen totalmente esvaídas.


pexego pax54

Para trasladar todo este mundo onírico e psicodélico, digno do mesmiño Dalí, Víctor Tizón amosa o seu talento como debuxante e caricaturista cun estilo limpo nun sobrio branco e negro que funciona de marabilla.


Así pois aquí vos deixamos esta recomendación, unha rara avis dentro da produción comiqueira galega que vos recomendamos degustar coa mente aberta e predisposta á sorpresa e que desexamos que vos guste tanto coma a nós.


Aproveitamos tamén para vos anunciar que este vindeiro venres 6 de maio teremos a Víctor Tizón en Komic Librería para presentar e asinar exemplares deste Pexego Mecánico, agardámosvos!!!