O voo da Curuxa. Unha tarde con dona Emilia no pazo de Meirás, de Inacio e Iván Suárez

O voo da curuxa

A chegada doutra obra saída do tándem que forman Inacio e Iván Suárez é sempre unha moi boa nova para a banda deseñada galega. Das mans deste dúo, que comezou a traballar conxuntamente hai máis de dez anos, xurdiron títulos tan salientables como os catro volumes arredor da figura de Castelao (Titoán, O pobre tolo, Máis alá! e Atila) ou o cómic-disco As pombas de Carboeiro. Hai escasos meses recibiamos a súa última colaboración, centrada na figura de Emilia Pardo Bazán e da que hoxe vos falamos máis polo miúdo ao tempo que vola recomendamos por ser unha lectura máis que interesante.

Non agardedes, iso si, unha completa biografía da escritora coruñesa nas súas páxinas. Como xa nos teñen acostumados Inacio e Iván pousan as súas olladas nun intre moi concreto e a partires dese episodio desenvolven distintos temas. Como pista podémosvos dicir que o subtítulo deste álbum non deixa lugar ao engano, xa que iso é o que se nos ofrece: acompañar á condesa durante un serán no Pazo de Meirás. Mais non un serán calquera, senón un particularmente relevante: o do día no que recibe a visita de Eduardo Zamacois.

o voo da curuxa pax09


E quen vén sendo este home? Malia non ser moi coñecido foi un escritor español nado en Cuba na segunda metade do século XIX, un prolífico autor que cultivou distintos xéneros (ata 126 títulos distintos levan a súa sinatura) e que ademais foi un precursor en diversos eidos culturais, entre os que está o seu proxecto de divulgación cos grandes nomes da literatura española da época. A súa idea, revolucionaria no seu tempo, consistía en gravar cinematograficamente o xeito de vivir e traballar de figuras tales como Pérez Galdós, Ramón y Cajal, Baroja ou Valle-Inclán. Desta maneira rodou unha serie de películas entre 1916 e 1920 incluíndo a que tiña como protagonista a Pardo Bazán, único documento filmado que hai dela, e que funciona como fío condutor da historia que nos propoñen Inacio e Iván.

o voo da curuxa pax28


Un relato que dá comezo con dona Emilia a redactar, no pazo de Meirás, un dos seus contos máis críticos, La advertencia, plasmado igualmente nas viñetas debuxadas por Iván Suárez, cando é avisada da chegada de Zamacois. Realiza daquela un paseo na compaña do seu visitante amosándolle algunhas das características da histórica edificación e das súas posesións, como a colección de retratos entre os que garda especial agarimo aos realizados por Joaquín Vaamonde, pintor coruñés falecido prematuramente que foi apadriñado pola propia condesa e no que se basea o personaxe protagonista dunha das grandes novelas de Pardo Bazán: La quimera.

o voo da curuxa pax35


Unha vez máis os autores desta bd aproveitan para pasar á linguaxe secuencial un texto da escritora, neste caso a introdución da novela, que é unha peza teatral pensada para ser representada por monicreques e que alguén como Inacio, cunha enorme experiencia neste ámbito, non podía pasar por alto.

o voo da curuxa pax36


De seguido pasamos a ver a gravación, con Pardo Bazán a remexer un café mentras de xeito moi sutil o texto de Inacio, que non dá puntada sen fío, introduce a relación entre ela e Benito Pérez Galdós tratándoa dunha maneira breve pero moi divertida e entrelazándoa cun son cubano que cantaruxa Eduardo Zamacois –facendo honra á súa orixe- durante os preparativos da segunda parte da filmación, na que vemos de novo a dona Emilia sentada nun banco a ler un dos seus libros. Concretamente outro dos seus relatos, El indulto, a adaptación do cal ocupa un bo número de páxinas.

o voo da curuxa pax42


Todo este material condensado coa sabedoría narrativa de Inacio e co excelente traballo gráfico de Iván, que muda un chisco o estilo ao que estabamos afeitos e no que experimenta con acerto achegándose ao gravado clásico e á colaxe. A simbiose creativa que comparten estes dous autores segue a dar froitos ben gorentosos e a sorprendernos polos temas que tratan e o xeito de abordalos.

Unha obra, pois, que vos recomendamos enormemente á vez que vos anunciamos a visita dos autores, o vindeiro venres 27 de maio, para asinar exemplares dela. Agardámosvos!!!