OS ESCACHAPREDRAS, de Marilar Aleixandre e Fran Bueno (Demo Editorial): recuperando un clásico da bd infantil e xuvenil galega.

Os Escachapedras

Con este álbum a editora coruñesa Demo inaugura unha nova colección, Demo Pequeno, adicada aos primeiros lectores e lectoras de banda deseñada. Cun magnífico logo deseñado polo prometedor artista coruñés Roque Pena esta nova liña editorial preséntase por todo o alto, recuperando un dos títulos máis recordados da revista Golfiño, unha revista que tivo dúas etapas de publicación nos primeiros anos deste século XXI e por onde pasaron moitos dos nomes propios da bd galega contemporánea. Entre as distintas series que aparecían nas súas páxinas atopamos aos Escachapedras, un trío de cativos xunto ao seu gato Rabelo e as súas pequenas e divertidas aventuras a cargo da escritora Marilar Aleixandre e o debuxante Fran Bueno.


Os Escachapedras 01

Como podedes imaxinar, ao ir saíndo nunha publicación (primeiro mensual, logo semanal) cada aventura aparecía como un relato auto conclusivo dunha páxina, un formato que, co paso do tempo, agradece enormemente estar reunido de xeito íntegro nun único volume e, malia os vinte anos transcorridos dende a sua edición orixinal, segue a deixar un agradable sorriso en lectores de tódalas idades.


Os Escachapedras 09

Unha das claves do éxito desta serie foi, sen dúbida, a identificación que os cativos podían facer cos seus protagonistas: Chuspi, Demi e Tirizó (sen esquecer a Rabelo) son rapaces de cidade pero que van á aldea na fin de semana, que viven tradicións coma o Magosto ou San Xoán, e que observan o mundo dos adultos cunha fina retranca. Percibimos felizmente que Os Escachapedras manteñen de xeito semellante esta afinidade coas xeracións de agora.


Os Escachapedras 03

Xa que logo non podemos máis que felicitar a Demo pola iniciativa de recuperar este título e vos recomendar a súa lectura para os máis cativos da casa.


Os Escachapedras 05

Aproveitamos para vos adiantar que o vindeiro venres 23 de setembro teremos en Komic ao seu ilustrador, Fran Bueno, que presentará e asinará exemplares das aventuras deste peculiar cuarteto. Agardámosvos!!!


Os Escachapedras 06


Os Escachapedras 10