O NAVEGANTE: A NASA baixo a ollada do grumete Tristán Ron.


alt


A historia completa dun espazo tan transcendente para a nosa cidade como foi a Sala Nasa baixo a ollada dun neno que practicamente nace e medra nesta realidade é, a priori, unha materia prima de indudable valor para aventurarse na realización dunha novela gráfica con altas expectativas.

É tamén un compromiso grande porque é unha historia de máis de dúas décadas e irremediablemente vai unida á longa traxectoria dos seus promotores e xestores, os membros do grupo Chévere. Tras uns anos de actividade teatral estes actores e actrices decidiron converter un taller mecánico situado no barrio de San Lourenzo nun espazo de servizos artísticos. A comezos dos anos noventa, cando aínda coleaban os aires de liberdade da transición e a creatividade dos vertixinosos oitenta, os composteláns tivemos ocasión de vivir innumerables veladas de teatro de vangarda, concertos de tódolos paos e outras moitas experiencias inolvidables grazas ao atrevemento destes emprendedores aos que mellor teriamos que chamar irreverentes axitadores culturais.    

alt

Ese neno que hoxe vos presentamos, Tristán Ron, é agora un mozo que se aventura nesta súa primeira BD coa valentía e atrevemento propios da xuventude e coas ferramentas precisas que outorga a formación nunha prestixiosa facultade de Belas Artes como é a de Valencia, onde xa finalizou os seus estudos.  

Apoiándose precisamente nesas ferramentas comeza Tristán a traballar nunha estrutura moi ben enfocada onde as imaxes das lembranzas do neno que foi vanse mesturar cos pensamentos do mozo que é agora mentras pasea e se recrea nos espazos da Nasa aos que volve no tempo presente. Fermosas páxinas moi ben construídas de imaxes evocadoras, por momentos oníricas, altérnanse con outras case hiperrealistas nas que a utilización de perspectivas ou encadres cinematográficos arriscados crean un atractivo engadido tanto para os que percorrimos eses espazos moitas veces, como para os que non os coñeceron nunca á vez que van aportando credibilidade e realismo.

alt

A obra complétase coa aportación documental donde a través dos diálogos de Xesús, Patricia, Miguel e Manolo imos coñecendo as diversas épocas, as mudanzas nas actividades e nos equipos, algúns personaxes asiduos ben curiosos ou outros que foron persoal da sala. Tampouco falta o duro momento do peche no que o autor, naquel momento aínda neno pero á forza cunha visión adulta, non elude a crítica ás faccións máis conservadoras da cidade aos que tanto molestaban as diferentes formas de expresión artística que se daban na Nasa. 

alt

Toda a obra está realizada nun riguroso branco e negro que nos permite gozar co estilo gráfico de Tristán, moi influído polos grandes nomes da BD europea. Vemos retazos de Moebius ou de autores máis actuais como Peteers. No entintado, elaborado con enorme maestría, vemos a influencia de Hugo Prat ou Bernet. Estes nomes son o máis honorable do universo do cómic europeo, estar influenciado por eles é o mellor que lle pode pasar ao autor novel e augura un futuro prometedor. Estamos seguros de que Tristán saberá levar toda esta escola clásica cara a súa linguaxe persoal para se converter nun autor sólido e constante. Historias que contar non lle faltarán e nós xa quedamos con moitas ganas de saber o qué nos contará no seu seguinte cómic.