Sherlock Holmes y la conspiración de Barcelona, de Colomino y Palomé: misterio e crítica

Sherlock Holmes y la conspiración de Barcelona


Somos moitos os apaixonados pola bd detectivesca e de investigación e, por suposto, se pensamos no detective por excelencia, ese non é outro que Sherlock Holmes, creado por Conan Doyle a imaxe do Auguste Dupin de Poe, máis co don do disfrace do aventureiro francés Vidocq.

Esta obra de Sergio Colomino e Jordi Palomé achéganos ao mundo sherlockiano situando ao noso home na convulsa Barcelona de 1893, está cargada dunha profunda crítica social e política, e preséntanos de preto a aqueles obreiros barceloneses que loitaban polos seus dereitos. Eles crían que as clases políticas eran o verdadeiro problema da nosa sociedade, sempre a convencernos de que o solucionan todo mentras na realidade seguen a espremer aos de sempre para manter seu propio estatus.

Realmente unha situación non moi afastada da actual, agás polo feito de que no século XIX o movemento anarquista levou a súa loita a unhas altas cotas de violencia.

Sherlock Holmes y la conspiración de Barcelona

Sen ir máis lonxe, nunha das fachadas da Sagrada Familia Gaudí plasmou o que estaba a acontecer nese intre, xa que existe unha figura escultórica que representa a un demo entregando unha bomba orsini a un obreiro, a mesma que estourou no Liceu, causando a morte dun gran número de persoas.

Sherlock Holmes y la conspiración de Barcelona

Todos estes feitos e moitos máis son narrados con mestría por Colomino. En canto Holmes entra en escena e contacta con Jaume, o noso protagonista, a historia toma un novo rumbo, xa que mestura maxistralmente as sociedades anarquistas coa reaparición dunha nave submariña propiedade dun archicoñecido criminal. E, como en todos os libros de Holmes, é o leitor quen debe ir atando cabos para que, ao final, sexa o propio detective o que resolva a situación.

Sherlock Holmes y la conspiración de Barcelona

Dicir asimesmo que, persoalmente, quedei impresionada polos debuxos da estatua de Colón, a Boquería ou o Liceu, xa que me transladaron á miña infancia en Barcelona, e lembro con nostalxia aos meus avós, que foron acollidos con agarimo por unha cidade cosmopolita que lles ofreceu un traballo e un futuro.


Sherlock Holmes y la conspiración de BarcelonaSherlock Holmes y la conspiración de Barcelona
Sergio Colomino / Jordi Palomé

Norma
Tomos: 1