OS NOSOS TÍTULOS PREFERIDOS DA BD GALEGA EN 2023

alt


Hai unha semanas, como adoitamos facer cada Nadal, compartimos convosco as nosas obras preferidas entre as editadas ao longo do ano, tanto as destinadas cara o público adulto (de autoría española e internacional) como aquelas dirixidas a lectores e lectoras máis novas.  Hoxe, cun chisquiño de retraso, completamos estas seleccións anuais coa correspondente á banda deseñada galega.  

Escollemos unha ducia de títulos entres os publicados durante 2023, aos que habería que engadir, por suposto, aqueles orientados ao público infantil e xuvenil que xa comentamos no devandito artigo publicado no nadal: Ula e Vinca, o feitizo da primavera; Brais & Chisco, extremo risco; A brigada iridiscente, o labirinto dos inchables; Incoloro, a profecía dos sangues; O grande aviario; Sentinelas da lúa carmesí e Micro algas, máis alá da terra.  

Cómpre nomear tamén algún título publicado anteriormente (Miñoca e Coello, Uxío e amigos) e a tradicional entrega anual do Bichero de Luís Davila. 

Aquí vos deixamos, xa que logo, os doce títulos elixidos:


altA BATALLA DE RANDE

David Braña e Pablo Prado
Galaxia

A documentada recreación, cun estupendo e dinámico debuxo, do importante combate naval entre as coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa acontecido na Ría de Vigo a comezos do século XVIII.


altCINZA

Manel Cráneo
Demo

Tras seis anos de coidadoso traballo por fin chegou a adaptación ás viñetas da novela “A nosa cinza”, de Xavier Alcalá.  Un coñecido relato iniciático no Ferrol da posguerra do que xa vos falamos aquí.



altIRENE A PORTEIRA

Xulia Pisón e Óscar Losada
Universidade da Coruña

Un álbum que recupera a extraordinaria figura de Irene González Basanta, unha rapaza coruñesa que nos anos 20 do século pasado desafiou aos convencionalismos e xogou ao fútbol como porteira e capitá dun equipo que levaba o seu nome: o Irene FC.


alt

XAORA

Ana Moreiras
Aira

Unha divertida e imaxinativa historia protagonizada por unha xornalista nun momento de crise vital que recibe unha abraiante visita doutros tempos…Coa súa segunda novela gráfica Ana Moreiras confirma o seu potencial como narradora e ilustradora e, ao mesmo tempo, o seu carácter único.


alt

O PASO DO NOROESTE

Xavier Queipo e Primitivo Marcos
Galaxia

Outra adaptación gráfica dunha novela relevante da nosa literatura contemporánea, desta volta a translación á bd do famoso e crepuscular relato de aventuras protagonizado por un buque francés a finais do século XVIII.  Na nosa páxina publicamos hai uns meses unha recensión sobre este clásico relato de aventuras.


alt

OS SUICIDANTES

Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero
Xerais

Unha distopía existencialista non moi afastada do presente coa Compostela do 2050 como escenario e da que falamos máis polo miúdo neste artigo.



altCOMO ESTUDAR O COMIC, UNHA INTRODUCIÓN GRÁFICA AO ESTUDO DA BANDA DESEÑADA

Enrique del Rey, Michael Goodrum e Josean Morlesín
Universidade da Coruña

Unha interesante achega académica aos fundamentos da novena arte a través da propia banda deseñada, un traballo didáctico que busca dar pulo ao “corpus teórico” da bd.



alt

ZECA AFONSO, A BALADA DO DESTERRO

Teresa Moure e Maria Joâo Worm
aCentral Folque/Tradisom

O íntimo e poético retrato dunha figura fundamental da música e da sociedade portuguesa, José “Zeca” Afonso, un cantautor que, ademais de ser o compositor de  ‘Grândola, Vila Morena’, tivo unha importante conexión coa nosa terra.


alt

EN CAMIÑO

José Ángel Ares e Paco Hernández
Galaxia

O relato da peregrinaxe ata Compostela dunha autora de cómics nun momento vital de mudanzas e incertezas. Debuxada polo compostelán adoptivo José Ángel Ares, aquí podedes atopar máis información sobre o particular camiño de Santiago da súa protagonista.


altFAGO O QUE PODO

Afra Torrado
Rodolfo e Priscila

Cun estilo directo, fresco e moi divertido a poeta e autora das historietas da “Señora Barbuda”, Afra Torrado, preséntanos esta compilación de traballos realizados dende 2018 ata o día de hoxe, moitos deles autobiográficos. 


alt

O HOME QUE VALÍA POR MIL

Antón Mascato e Pepe Carreiro
Galaxia

Unha biografía ilustrada que nos achega un retrato agarimoso e documentado do polifacético intelectual a quen se lle adicou o Día das Letras no 2023.



alt

O CÁRCERE DA FIN DO MUNDO

Sánchez Kutika e Kundo Krunch
Demo

Una sorpredente obra arxentina, publicada na nosa lingua por Demo Editorial, que narra as experiencias reais de varios dos presos do cárcere máis austral do país sudamericano, recollidas por un xornalista nunha visita á prisión no 1933.