MICROALGAS, de Xulia Pisón: acción e aventuras xuvenís cunha vocación divulgativa.

alt


Dentro do elevadísimo e variado número de microalgas e cianobacterias que habitan a Terra non son poucas as especies que posúen características extraordinarias, tan sorprendentes que, de seguro, terán un papel fundamental no futuro do planeta e no da humanidade.  Malia as súas capacidades para nos axudar en problemas globais tales como a desnutrición, a contaminación ou o cambio climático estes microorganismos seguen a ser bastante descoñecidos a día de hoxe.  

Por este motivo o proxecto Enhance Microalgae (onde, xunto con outras institucións europeas, participa a Universidade da Coruña) decidiu hai uns anos aproveitar o tremendo potencial comunicativo e divulgador da banda deseñada para achegar, especialmente ao público xuvenil, unhas nocións básicas sobre estes minúsculos seres que tan importantes son e serán en eidos como a biotecnoloxía ou a alimentación.

alt

Para levar esta tarefa a bo porto elixiron á coruñesa Xulia Pisón, unha das autoras máis salientables da bd galega da última década, e, ao noso ver, a escolla non puido ser máis acertada, tanto polo seu atractivo estilo gráfico como polas vías que decidiu coller para transmitir a información.

alt

Deste xeito saía do prelo, aló por 2018, o primeiro dos volumes de Microalgas, subtitulado “O mundo oculto” e á cal lle seguirían “O mar de ardora” (2020) e “Máis alá da Terra”, editado a finais de 2023. Como diciamos no parágrafo anterior Xulia opta por un intelixente plantexamento e, no canto de asoballar aos lectores cunha profusión de datos científicos, decide crear varios personaxes en representación dalgunhas das especies e failles vivir unha serie de entretidas aventuras.  Spirulina (pola cianobacteria homónima), Nanno (do xénero nanochloropsis), Tom (da familia diatomea) e Wasto (representante de scenedesmus) -aos que no segundo tomo se lles une Ardora-  son uns intrépidos mozos e mozas que, pola súa audacia e afouteza, son escollidos polas autoridades para formar un grupo operativo contra distintas ameazas.  Enfróntanse a unha banda de toxinas, á contaminación producida por residuos tóxicos ou ao autoritarismo ao que pode levar o exceso de poder.  Misións todas elas nas que o valor e o compañerismo das microalgas protagonistas marcarán a diferenza.

alt

Cun estilo sinxelo e fluído Xulia Pisón constrúe unha serie de relatos moi axeitados para o público novo mais tamén para o adulto, acadando o seu obxectivo de transmitir a información sobre estos microorganismos e á vez entretendo enormemente a aquelas persoas que se achegan ata estas obras.  O debuxo e a cor amosan a madurez dunha artista cun estilo propio  dinámico e atractivo.  Hai tamén en cada álbum un aumento progresivo da complexidade argumental e máis da súa extensión (56 páxinas ocupa a primeira aventura, 64 a segunda e 110 a terceira).

Un exemplo máis, xa que logo, da versatilidade da banda deseñada e do talento dunha autora da que sempre é un pracer recibir novos títulos.  Aproveitamos para vos informar da súa presenza en Komic este vindeiro venres 24 de maio a partires das 18 horas para asinar exemplares destas Microalgas que hoxe vos recomendamos.  Agardámosvos!!!


alt