Komic Librería repasa os clásicos do Cómic en galego

Persépole


É ben sabido por tod@s aquel@s interesad@s no mundo da banda deseñada que, nesta última década, Galicia vivíu unha época de esplendor sen comparación. A aparición dunha heteroxénea xeración de autores e autoras chea de talento e inquedanza, a consolidación de eventos tales coma as Xornadas da BD de Ourense, o salón Viñetas dende o Atlántico na Coruña e o Salón do Cómic de Cangas, ou o éxito de voluntariosas publicacións como BdBanda, Barsowia ou Retranca, fixeron que o panorama galaico da BD acadara cotas de calidade e de recoñecemento nunca antes imaxinadas.

BDBanda, Barsowia, Retranca

Mais houbo unha parte da ecuación que, ben por descoñecemento, ben por desinterese, non respondeu, ou, mellor dito, case nin existíu en todo este proceso: a industria editorial. Sen un apoio claro e convencido das principais editoras do país, o corpus de obras editadas na nosa lingua débelle moito ao esforzo de varias editoriais modestas, xurdidas nos últimos anos, que basean o seu catálogo en obras de autoría galega.

Malia isto seguiamos a botar en falla a posibilidade de ler grandes obras clásicas da novena arte en galego, algo necesario e case fundamental para consolidar e aproveitar este bo momento da bd en Galicia.

Os cartos mandan, e o reducido (aínda que en aumento) número de lectores e lectoras de cómic en galego non asegura vendas millonarias e, ademais, pagar os dereitos dunha obra estranxeira para unha tiraxe pequena tampouco adoita compensar. Así e todo, no verán de 2008 a editora mallorquina Inrevés sorprendía ao mercado editorial galego coa publicación en lingua galega de Maus, de Art Spiegelman, unha das obras totémicas dentro do mundo da viñeta, ademais de ser o único tebeo que recibíu o premio Pulitzer.

Maus

E sorprendeu aínda máis a rapidez coa que se esgotou a edición (a día de hoxe estamos a agardar unha reedición que leva demasiado tempo facéndose de rogar). É dicir, algo no que as editoras non crían demostrou que tiña o seu público e que podía ser rendible, pero non foi dabondo para que alguén se decidira a continuar este camiño aberto por unha editorial de fóra.

E non foi ata hai escasamente un ano que isto mudou, coa aposta decidida e arriscada dunha editora canguesa fundada en 2005: Rinoceronte, que dende o seu nacemento tentou importar para a nosa lingua obras de calidade procedentes de ámbitos non habituais no mundo editorial galego.

Rinoceronte Editora


Habitualmente centrada na narrativa, o ano pasado decidiron ir un paso máis aló e introducirse na banda deseñada, e fixéronno pola porta grande, coa edición de Persépole, da iraniana Marjane Satrapi, e de Entender o cómic, do estadounidense Scott McCloud. Hai uns meses sacaron do prelo Na procura de Ed o Riseiro, do autor underground Kim Deitch, e Contrato con Deus, de Will Eisner. Ademais, teñen anunciada xa a aparición na nosa lingua de dúas das obras máis importantes do xornalismo de guerra na BD, Gorazde e Palestina, ámbalas dúas obras de Joe Sacco. En todos estes casos estamos a falar de obras canónicas, ben dentro do seu xénero, ben dentro do cómic en xeral, cunhas edicións e traducións coidadas.

El Patito Editorial


Ao mesmo tempo, El Patito Editorial sacou do prelo dúas das mellores obras do coruñés Miguelanxo Prado, editadas por primeira vez en galego: Trazo de xiz e Stratos, e tamén unha obra máis recente, pero xa convertida en fenómeno de masas, do valencián Paco Roca: Enrugas.

El Patito Editorial

Dende a nosa experiencia como libreiros aplaudimos estas iniciativas, porque cremos que son necesarias e que funcionan, e animamos ás editoras a seguir por este camiño, e a vós, lectores e lectoras, ofrecémosvos a posibilidade de ler na nosa lingua grandes clásicos da banda deseñada, agardando que a oferta deste tipo de obras siga a medrar e a medrar.