El Ángelus, de Giroud e Homs: segredos de familia

El Ángelus


A confluencia entre dous segredos, un oculto dentro do cadro de “El Ángelus”, e o outro na vida real do protagonista, dota a esta obra dunha intriga moi ben plantexada e narrada coa que o gran guionista Giroud volve sorprender.

Xa na introdución, que non debemos pasar por alto, fálanos do cadro que vai ser epicentro da historia, e infórmanos de que a famosa pintura de Millet é o que en arte se coñece como “arrepentimento”, é dicir, o pintor oculta un fragmento da súa obra pintando por riba unha realidade distinta da que quixo plasmar inicialmente. Esta circunstancia probablemente foi a que levou a Salvador Dalí a obsesionarse con esta obra, chegando a realizar numerosas versións distintas.

El Ángelus
Algo semellante acontécelle a Clovis, o noso protagonista, un home gris de mediana idade que un día, no museo de Orsay, fica fascinado polo cadro de Millet. Ao igual que lle ocorreu a Dalí, Clovis obsesiónase con desvelar os misterios ocultos tras a pintura, e inicia unha procura que o levará, ao mesmo tempo, a descubrir varios segredos da súa propia historia e nenez, e que cambiará a súa vida para sempre.

El Ángelus

Amais da intrigante historia, a obra ten unha calidade gráfica impresionante, da que é autor o catalán Homs. Os seus debuxos transmiten gran calidez e sensibilidade, reproducindo os sentimentos dos personaxes con sutileza.

El Ángelus

Recomendamos que non vos perdades esta historia, porque este título (e o seu prometedor debuxante) van dar moito que falar.


El ÁngelusEl Ángelus
Giroud / Homs

Norma
Tomos: 1