Una asombrosa aventura de Jules, de Émile Bravo: Aventuras intelixentes para todos

Una asombrosa aventura de Jules


No ano 2010, no salón Viñetas desde o Atlántico, tivemos a sorte de coñecer a Émile Bravo, un autor francés de pais españois que viña de editar unha das obras que máis nos gustaron daquela: Spirou, diario de un ingenuo, onde tentaba trazar a orixe do botóns máis famoso da bd europea. Tanto nas conversas que mantivemos con el como nos orixinais que estiveron expostos en A Coruña puidemos adiviñar a un artista aberto, curioso e, sobre todo, un gran e agradecido lector.

Inexplicablemente, de toda a súa obra só estaban dispoñibles en castelán o devandito álbum de Spirou e máis Mi mamá está en América y ha conocido a Buffalo Bill, que editara Ponent Mon uns anos antes. Por iso consideramos unha moi boa nova a publicación, por parte da editorial tarraconense, de Una asombrosa aventura de Jules, unha estupenda serie de aventuras orientada para o público xuvenil e da que podemos gozar tamén os adultos.

Una asombrosa aventura de Jules

Este integral recolle as tres primeiras historias de Jules, un adolescente normal e realista que se vai ver inmerso en diversas situacións extraordinarias e fantásticas que resolverá co seu sentido común. Foron publicadas orixinariamente en Francia entre 1999 e 2002, e na primeira delas preséntasenos ao protagonista, cando é elixido por unha organización espacial para formar parte dunha arriscada expedición a Alfa Centauri. Esta viaxe vai mudar a súa vida para sempre, será o seu debut como “aventureiro” e, ademais, servirá para presentarnos ao resto de personaxes que o acompañarán nas súas peripecias.

Una asombrosa aventura de Jules

Encántanos a maneira de narrar de Émile Bravo, cun estilo fresco e sinxelo de ritmo equilibrado, e cunhas ideas imaxinativas, enxeñosas e orixinais. Ademais, sazona as súas tramas cunhas pequenas doses de humor irónico, case retranqueiro, unha certa mensaxe crítica respecto á sociedade na que vivimos, e pequenas homenaxes, como a aparición de certo reporteiro belga coñecido por todas e todos, do que Bravo é devoto e confeso seguidor. O seu debuxo, cun estilo de “liña clara” limpo, dinámico e cunhas cores magníficas, adáptase á perfección a este estilo narrativo cheo de matices enriquecedores.

Una asombrosa aventura de Jules

Pero se tiveramos que explicar porqué gustamos tanto desta obra, diriamos dous motivos: é unha obra xuvenil que trata aos mozos e mozas con intelixencia e complicidade, e nótase en todas as súas páxinas que está feita con moitísimo cariño. E iso sempre é de agradecer.


Una asombrosa aventura de JulesUna asombrosa aventura de Jules
Émile Bravo

Ponent Mon
Tomos: 1