Cabazas, caveiras e viñetas

Samaín en Komic Librería


Achégase o Samaín, a noite que para os celtas simbolizaba a fin do verán, e que para nós, sendo a véspera de defuntos, ten un significado de noite de meigas, bruxas e Santa Compaña, onde sapos e mouchos campan ás súas anchas rodeados de arañeiras, cabazas e caveiras. E para que nesta noite terrorífica o pasedes de medo, aquí vos van unhas cantas recomendacións que, se non ledes de vivos, teredes que ler de mortos...

Como é ben sabido, o Samaín chámase Halloween nos Estados Unidos, e alí é unha festa de gran tradición. Tanta que máis dun inimigo do morcego máis famoso de Gotham puso a proba ao cabaleiro escuro nesa noite, como en Batman: El Largo Halloween ou na recompilación Caballero Maldito.

Batman: El Largo Halloween - Batman: Caballero Maldito

Maldito está tamén outro gran personaxe relacionado co oculto mundo dos espíritos, Hellboy, que pasaría por ser un compañeiro ideal para tan tétrica noite.

Hellboy Integral

E se engadimos a un narrador como Alan Moore, a velada resultará do máis monstruosa, así que botádelle un ollo a Alan Moore Storyteller, o ensaio que vén de publicar Planeta sobre o esotérico xenio de Northampton. Ou á reformulación dos relatos de H.P. Lovercraft que fai o holandés Erik Kriek en Desde el más allá y otras historias.

Alan Moore Storyteller - Desde el más allá y otras historias

E xa que falamos de clásicos, cómo esquecer publicacións tan aterradoras como Creepy ou Eerie, agora reeditadas para gozo ou sufrimento dos seus seguidores, que de seguro tremen de pracer e suor fría con cada novo número de Los Muertos Vivientes, a exitosa e arrepiante serie de zombis.

Creepy - Eerie

Pero non só no mundo anglosaxón atopamos exemplos da literatura de ultratumba, dende A Coruña achéganse os esqueletos de Manel Cráneo, que protagonizan as aterrecedoras historias recompiladas en Cousas de Mortos. Mesmo para os máis cativos atopamos lecturas de terror axeitadas para esta noite, como Os Barbanzóns: A Noite de Samaín ou os dous tomos de Brujeando.

Cousas de mortos - Os Barbanzóns - Brujeando

E non poderiamos deixar de lado a un artista que vai fondamente ligado á festa de Halloween, o cineasta Tim Burton, creador dun universo propio e tétrico cheo de terroríficas referencias que estremece os nosos corpos con La melancólica muerte del Chico Ostra, ou coas figuras dos seus personaxes, como Jack Skellington e o resto da tropa de Pesadilla antes de Navidad ou os Tragic Toys.

La melancólica muerte del Chico Ostra - Santa JackTragic Toys

Outros pequenos habitantes de Komic que poden producir calafríos e arrepíos son as versións Living Dead Dolls de Hansel e Gretel, ou do monicreque de Saw, os clásicos de terror da Universal, como Drácula, Frankenstein e a Momia, e tamén Eric Draven, The Crow, que volve nestas datas para vingarse...

Living Dead Dolls: Hansel e GretelLiving Dead Dolls: SawThe Crow

Agardamos que estas recomendacións sirvan para conxelaros o sangue e que pasedes unha arrepiante noite de Samaín!!!!