Algúns cómics moi recomendables protagonizados por figuras paternas
Achégase o día de San Xosé, patrón de certo libreiro komiqueiro (parabéns adiantados, Pío!) e día do pai. Vale, evidentemente este último detalle non deixa de ser unha data sobreexplotada comercialmente, pero dende Komic Librería pensamos que sería un bo momento para facer unha pequena revisión das bandas deseñadas onde a figura do pai é un elemento fundamental. A ver que vos parece, quen sabe, ao mellor mesmo atopades algunha cousiña para agasallar ao voso proxenitor...
A figura do pai, e a relación que con el teñen os seus fillos e fillas, é un tema recorrente na literatura e no cine, e a novena arte non é allea a esta circunstancia. Coñecer ao noso pai e a súa historia pode ser importante para saber quen somos nós, e mesmo para descubrir o mundo no que vivimos.
Dous casos rechamantes entre as nosas obras de referencia: Maus, de Art Spiegelman, e El arte de volar, de Antonio Altarriba e Kim, onde tanto un coma outro contan a dura historia dos seus pais e do seu tempo, supervivente de Auschwitz no caso de Spiegelman, e perdedor no convulso século XX español no de Altarriba.
Outro exemplo disto podería ser a estupenda e sincera novela gráfica de Alison Bechdel Fun Home, una familia tragicómica. Pero tamén acontece o contrario, que non cheguemos a coñecer de verdade ao noso pai, como en El almanaque de mi padre, onde Jiro Taniguchi conta a historia dun home que no funeral do seu descubre quen era realmente.
E é que ser pai non é tarefa doada, e menos nun mundo cheo de zombis: que llo pregunten a Rick Grimes en Los Muertos Vivientes, de Robert Kirkman e Charlie Adlard!
Hai que coidar ben dos fillos e educalos con sentidiño, e aceptalos tal e como son, como ben nos conta Miguel Gallardo en María y yo, onde explica a súa relación coa súa filla autista. Defendelos de todo, como fai o pai da excelente novela gráfica de Cyril Pedrosa Tres sombras, ou o Marko de Saga (de Brian K. Vaughan e Fiona Staples), e ser un exemplo de superación para eles, coma no caso do pai de Rubén del Rincón, que non se rende en Entretelas.
É importante tamén pasar tempo cos fillos e facer moitas cousas xuntos, como ir á praia ou viaxar, o que fai Guy Delisle co seu fillo en Luís vai á praia. E hai quen emprega recursos menos prosaicos na educación dos seus descendentes, e pensamos en Nerio Winch e a formación que dá ao herdeiro do seu imperio Largo Winch (de Van Hamme e Francq).
Por suposto, tantas responsabilidades poden plantexar dúbidas á hora de convertirse en pais, como lle acontece ao noso querido Marco en Los combates cotidianos de Manu Larcenet, ou ao noso galo preferido, que demostra non ser un mal pai adoptivo en El hijo de Astérix.
Pero ata os mellores pais poden cometer erros e equivocacións. Peter Stillman tenta impoñer as súas ideas ao seu fillo en La ciudad de cristal, a opresiva novela negra escrita por Paul Auster e adaptada ao cómic por Paul Karasik e David Mazzuchelli.
E home, un pouco de conflicto non está mal, pero non hai que chegar aos extremos de La casta de los metabarones, onde os fillos, como se fora unha traxedia grega, deben enfrontarse aos seus devanceiros. Chegados a este punto de confrontación, o mellor sería refuxiarse nos divertidos consellos que Andy Riley nos achega en La cerveza vuelve fuerte a papá.
E ata aquí chegamos, de seguro que deixamos no tinteiro algunha que outra obra, pero como aproximación non está mal, non si? Curiosamente, dúas das próximas novidades que chegarán a Komic Librería encaixarían perfectamente nesta relación: Guía del mal padre, outra vez Guy Delisle, e Darth Vader e hijo, unha sorprendente revisión da relación entre Luke Skywalker e o seu pai feita por Jeffrey Brown.
Agardamos que todo isto vos sexa de utilidade e, iso si, prometemos sorprenderos de novo no día da nai!