Komic Librería selecciona algúns cómics perfectos para celebrar o Día da Nai

Komic Librería: Lydie


Como xa é habitual, dende Komic Librería achegámosvos unha pequena selección de obras perfectas para celebrar o Día da Nai, varios títulos onde a figura materna é protagonista e entre os cales pode que atopedes algunha idea para agasallar á vosa.

Komic Librería: Vida de perros - ¿Eres mi madre?

A relación que se forxa entre unha nai e os seus fill@s é un vencello único, somos carne da súa carne e sangue do seu sangue, e marca de xeito fundamental o noso lugar no mundo. Sigmund Freud déulle bastantes voltas a este tema, como ben nos lembra Manu Larcenet en Vida de perros (Norma), onde o creador da psicoanálise vivirá unha rocambolesca aventura no far-west coa aparición estelar da súa señora proxenitora.

Outro bo exemplo da importancia que ten a nosa nai na nosa propia historia é ¿Eres mi madre? (Random House), de Alison Bechdel, que volve explorar na súa biografía familiar centrándose desta volta na figura materna, unha muller con grandes aptitudes e intereses artísticos pero frustrada pola homosexualidade do seu home, o que marcará sobremaneira a súa relación con Alison.

Komic Librería: 40 semanas

Esta fonda relación entre nai e fill@s existe dende o primeiro intre, dende que comeza a nosa xestación, un proceso que con moita información, humor e amor mostra Glòria Vives en 40 semanas (Thule), a crónica en primeira persoa e sen concesións do seu propio embarazo.

Komic Librería: Lydie - Mi mamá está en América

Tristemente en ocasións aparecen complicacións antes ou durante o nacemento, e aínda que semelle imposible, hai quen pode atopar esperanza nunha traxedia tal, Lydie (Norma), a tenra novela gráfica de Zidrou e Jordi Lafebre, é un bo exemplo disto: Camille, co apoio do seu pai e dos seus veciños, conseguirá sobrepoñerse de maneira sorprendemente máxica á ausencia do seu bebé.

Como tamén o fai Jean, pero neste caso a ausente é a figura materna, en Mi mamá (está en América y ha conocido a Buffalo Bill), unha delicada historia de Jean Renaud e Émile Bravo, editada por Ponent Mon e na que construén unha inocente e fermosa historia de infancia.

Komic Librería: Una posibilidad entre mil

A preocupación e o cariño por parte das nosas nais son constantes, sobre todo cando somos cativ@s e máis indefens@s estamos, como na historia que comparten connosco Cristina Durán e Miguel Ángel Giner en Una posibilidad entre mil (Sins Entido), ao contarnos con moito agarimo todo o que viviron cando naceu a súa primeira filla, Laia, con parálise cerebral infantil, e como se aferraron a esa posibilidade entre mil que había para que a pequena seguira adiante.

Komic Librería: Me hubiera encantado ser etnóloga - Jeremy y mamá

E é que hai poucas cousas comparables a ver medrar os fillos, ben sexan pequerrechos, como a filla de Margaux Motin no divertido Me habría encantado ser etnóloga (Dibbuks), o día a día dunha nai moderna e ilustradora, ou adolescentes, como é o caso de Jeremy y mamá (Norma), unha escolma dos mellores momentos de nai e fillo na famosa tira humorística Zits.

Komic Librería: Castilla DriveKomic Librería: La leyenda de Madre Sarah - El arte

Unha nai fai o que sexa pola súa prole, como Sally Salinger, que se pon á fronte do negocio do seu marido desaparecido para sacar adiante aos seus fillos, convertíndose así nunha detective privada en Castilla Drive (de Anthony Pastor, La Cúpula), ou a protagonista do clásico de Katsuhiro Otomo La leyenda de Madre Sarah (Norma), unha muller chea de afouteza e esperanza que loita por recuperar aos seus pequenos nun mundo postapocalíptico, cruento e descarnado. E mesmo axudar ao seu fillo a disertar sobre cuestións artísticas, como fai a de Juanjo Sáez a través dos seus diálogos ficticios en El arte (conversaciones imaginarias con mi madre) (Random House).

Komic Librería: Palomar - Río Veneno

E para rematar, non podiamos deixar fóra desta lista a unha das mulleres e nais máis famosas e influíntes no mundo da viñeta, a exuberante matriarca Luba, que, xunto a súa estirpe, protagoniza varias das mellores obras de Beto Hernández, como son Palomar ou Río Veneno (La Cúpula).

Komic Librería: El vino vuelve lista a mamá

Desexámosvos a todas e a todos, pero especialmente ás nais, que teñades un moi bo día este vindeiro domingo, e que brindemos polas nosas naiciñas queridas, xa que, como di Andy Riley, El vino vuelve lista a mamá (Astiberri)...