Chega a Komic Librería Os Piratas da Lúa, a nova aventura de Marcopola, a illa remeira
Traémosvos hoxe unha novidade que encherá de ledicia aos máis pequerrech@s da casa: recibimos esta semana en Komic Librería o segundo tomo das aventuras de Marcopola, a illa remeira, titulado Os piratas da lúa (Xerais).
Se vos estades a preguntar quen é Marcopola, comentámosvos que é unha illa que estaba no medio do mar, pero como estaba ela soíña aburríase moito, ata que un bo día a marea achegou ata a súa costa un remo, co cal puido soltarse do seu leito e remar polo océano adiante vivindo fabulosas aventuras xunto ao seu amigo Libro.
Esta lectura, recomendada a partir dos seis anos, é unha das preferidas polos nosos minikomiqueiros habituais, que estarán de noraboa con esta novidade.
O seu autor é o vigués Jacobo Fernández Serrano, un dos autores máis interesantes e persoais da bd galega actual, ben coñecido polo seu traballo na revista Golfiño, coa estupenda serie Os amigos de Archimboldo Roque, ou pola magnífica biografía gráfica de Lois Pereiro que fixo en Breve encontro (Xerais).
Tamén salientamos Aventuras de Cacauequi (El Patito Editorial), obra que resultou merecente do premio Castelao no ano 2007, e o seu traballo como escritor, pois gañou o premio Merlín no ano 2009 coa obra Mil cousas poden pasar (Xerais).
Jacobo Fernández Serrano é un autor moi recomendable para grandes e pequen@s, e xa vos adiantamos que, proximamente, teremos a sorte de contar coa súa presenza en Komic Librería. Manterémosvos informados: ata entón, a gozar coas aventuras de Marcopola!
Marcopola, a illa remeira:
Os piratas da lúa
Jacobo Fernández
Xerais
Tomos: 1