Little Sammy Sneeze, de Winsor McCay, nunha edición de luxo
De seguro que moit@s de vós recibiredes esta nova con tanta ledicia coma nós en Komic Librería: a editorial Reino de Cordelia, comandada polo noso aprezado Jesús Egido, entra pola porta grande no mundo da banda deseñada coa coidada edición de Little Sammy Sneeze, de Winsor McCay.
Estas tiras, anteriores ao seu gran clásico Little Nemo in Slumberland, publicáronse no New York Herald entre 1904 e 1906, e en cada unha delas o protagonista, o pequeno Sammy, espirra nos momentos máis inoportunos deixando ao seu paso pequenas catástrofes e destrozos.
De carácter humorístico, as tiras destacan polo preciosista e anovador debuxo de McCay, que hoxe en día, máis dun século despois, segue a fascinar e a influír na ilustración contemporánea. Salientamos tamén, como acontece nas páxinas de Little Nemo, o espectacular tratamento que fai da arquitectura da páxina.
Nesta coidada e elegante edición, Reino de Cordelia recolle todas as pranchas a cor da serie Little Sammy Sneeze nun precioso libro de tapa dura, pero cun prezo máis que asequible. En definitiva, unha gran nova para tod@s aqueles amantes da novena arte.
Little Sammy Sneeze
Winsor McCay
Reino de Cordelia
Tomos: 1