Top 10 de Komic Librería: mulleres protagonistas de cómics

Top 10 de Komic Librería: mulleres protagonistas de cómics


Continuamos a nosa particular achega á celebración, o sábado 8 de marzo, do Día Internacional da Muller Traballadora. E se onte lle dedicabamos un Top 10 ás autoras de cómics, hoxe é o turno do seu froito: as mulleres de papel, algunhas das protagonistas preferidas de Komic Librería.


10 / Toshiko Tomura

Toshiko Tomura

A turbadora e exitosa protagonista de El libro de los insectos humanos, título no que o mestre mangaka Osamu Tezuka presenta a súa historia, a dunha muller ambiciosa e intelixente coa capacidade de mimetizar o talento daqueles que a rodean, sen escrúpulos e sen remordimentos. Toshiko é unha femme fatale no senso estrito da expresión, e non ten problema algún en facer o necesario para acadar os seus obxectivos nunha sociedade dominada polos homes.


09 / Beth Hardiman

Beth Hardiman

Paciente e traballadora, Beth Hardiman é propietaria dunha casa rural no medio da campiña inglesa na que se adoitan hospedar escritores e escritoras para traballar con tranquilidade na súa obra. Ela mesma está casada cun famoso autor de best-sellers, e a serie de acontecementos que Posy Simmonds narra en Tamara Drewe servirá para que esta muller se reivindique e atope o seu lugar no mundo.


08 / Tina Modotti

Tina Modotti

Un xénero no que sobresae a presenza de protagonistas femininas é o biográfico. Son moitas as mulleres que viron a súa vida reflectida en viñetas, como é o caso desta pioneira da fotografía cunha vida apaixonante. Pero a lista é ben extensa e variada: Kiki de Montparnasse, Olympe de Gouges, Ana Frank, Virginia Woolf ou Zelda Fitzgerald son outros nomes coa súa vida adaptada á novena arte.


07 / Isabelle 'Dizzy' Córdoba

Dizzy Córdoba

Dentro da interesantísima e complexa maquinaria creada por Brian Azzarello e Eduardo Risso na serie 100 Balas, salientamos o personaxe de Isabelle 'Dizzy' Córdoba, unha rapaza que procede dun barrio marxinal e que remata tendo un papel fundamental na dirección dos Milicianos, os encargados de manter a paz entre as trece familias que dirixen o crime americano nesta magnífica obra de xénero negro.


06 / Hayat Bábili

Hayat Bábili

Personaxe principal de Casa Bábili, unha obra interesantísima e con moitos compoñentes femininos que nos fala de como vivíu a poboación civil iraquí a invasión estadounidense. Esta xornalista representa a unha muller árabe, moderna e progresista, pero tamén moi consciente do seu legado cultural e da importancia da súa preservación.


05 / Isabel de Mamaye

Isabel de Mamaye

Protagonista dun dos títulos fundamentais da banda deseñada europea, Los pasajeros del viento, esta muller, vitalista, desvergoñada, espilida e de espírito aventureiro, merece un lugar destacado nesta lista pola defensa que fai de si mesma e da súa condición de muller nun tempo, o século XVIII, marcadamente machista. Un personaxe fascinante nunha obra imprescindible.


04 / Luba

Luba

Esta carismática e complexa muller podería ser considerada a gran matriarca do cómic underground, dende que víu a luz a través do lapis de Beto Hernández, autor, xunto ao seu irmán Jaime, da fundamental Love and Rockets, onde ambos os dous demostran ser grandísimos creadores de personaxes femininas en títulos como Palomar ou Locas.


03 / Alison Bechdel

Alison Bechdel

Pois si, neste caso non falamos dunha muller de papel, senón de carne e óso, pero incluímola nesta lista por un motivo dobre: o primeiro é que foi unha das autoras que quedou fóra no noso Top 10 de autoras, e o segundo, e máis importante, é que é un bo exemplo de autora que emprega a banda deseñada para falarnos de si mesma. Un xénero este, o autobiográfico, que conta con títulos tan salientables e distintos como Persépolis (Marjane Satrapi), El Paréntesis (Élodie Durand), Por nuestra cuenta (Miriam Katin) ou Hoy es el último día del resto de tu vida (Ulli Lust). No caso de Alison Bechdel falamos dunha historietista que, tras anos de carreira coa súa tira Unas bollos de cuidado, onde explora con humor as problemáticas do colectivo lésbico, acadou un gran recoñecemento con Fun Home, onde disecciona de xeito maxistral á súa familia, centrándose na súa relación co seu pai e a descoberta da súa propia sexualidade.


02 / Sally Sallinger

Sally Sallinger

A protagonista de Castilla Drive é unha muller casada cun detective que non dubida en continuar ela co negocio cando desaparece o seu home. Para sacar adiante aos seus dous fillos investiga principalmente adulterios e fraudes a aseguradoras, ata que Osvaldo Brown chama á súa porta co seu estraño caso, o fío argumental deste atípico e recomendable exemplo de xénero noir.


01 / Aya de Yopougon

Aya de Yopougon

Unha das series que máis nos fixeron gozar nos últimos tempos. Protagonizada por unha rapaza duns dezaoito anos na Costa de Marfil de comezos dos anos oitenta, aínda que é unha obra coral, ela foi o personaxe que nos conquistou dende a primeira páxina. Unha moza inqueda, preocupada por axudar á xente que ten ao seu redor, que soña con ser doutora no futuro e que, para pagar os seus estudos, dá clases particulares.