Día do pai: novas lecturas para proxenitores komiqueiros

Komic Librería: Darth Vader y su princesita


Hai un ano, co gallo do Día do Pai, recollimos neste artigo varias obras nas que a paternidade xoga un papel importante e, en vista do éxito que tivo, propoñémosvos hoxe unha pequena actualización do que comentamos daquela con títulos que foron aparecendo nestes últimos meses, ou álbumes máis antigos dos que non falamos entón e nos que a figura do pai é parte fundamental da historia.

Komic Librería: Guía del mal padre 1 y 2

Curiosamente, hai doce meses rematabamos falando de dous títulos que estaban a piques de chegar a Komic Librería: Guía del mal padre, de Guy Delisle, e Darth Vader e hijo, de Jeffrey Brown, dúas obras cheas de humor coas que botamos non poucas risas e que, nesta ocasión, volven a estar de actualidade.

Vimos de recibir o segundo tomo da obra de Delisle, protagonizada de novo por el mesmo no rol dun pai imprudente e irresponsable, explotando en certo maneira o lado escuro que todo pai agocha no seu interior.

Komic Librería: Darth Vader y su princesita

E nisto, evidentemente, Lord Vader é un caso rechamante. Despois de velo na hipotética situación de ter que compaxinar o seu traballo como líder do exército imperial con coidar do seu fillo Luke, agora tócalle o turno á súa filla Leia, con quen protagoniza Darth Vader y su princesita, que será editado proximamente.

Komic Librería: De padres e hijos, Batling Boy

O propio Jeffrey Brown contou a súa historia como fillo e como pai en De padres e hijos, unha obra na que servíndose das súas lembranzas expón a súa relación co seu proxenitor, pastor protestante, e co seu fillo Óscar, que aínda ten todo un mundo por descubrir, e da que xa vos falamos aquí.

Outra banda deseñada na que a relación paterno-filial é un punto importante é Battling Boy, de Paul Pope, onde o poderoso guerreiro pai do protagonista acompáñao ata Arcópolis, unha cidade asoballada polos monstros e o lugar que deberá defender nunha sorte de rito iniciático.

Komic Librería: La mala gente, Paul va de pesca

Non podía faltar un título onde os pais do autor sexan protagonistas, como é o caso de La mala gente, unha obra cada vez máis necesaria na que Éttienne Davodeau conta a historia dos seus proxenitores, militantes socialistas e activos sindicalistas na súa rexión natal nos anos sesenta.

E para rematar, debemos falar do canadense Michel Rabagliati, quen no seu afán por debuxar e mostrar a vida de xeito sinxelo e amable achéganos a paternidade do seu personaxe Paul en Paul va de pesca, un álbum que, como adoita acontecer con este autor, é unha lectura deliciosa.

E isto é todo: agardamos que vos resultara interesante e felicitamos a todos os pais komiqueiros que esteades a ler isto.