Komic Librería responde ao Apalpador

Komic Librería: ideas para regalar


O Apalpador, ese entrañable xigante carboeiro de barba vermella que por estas datas palpa as barriguiñas dos nenos e nenas para ver ser comeron dabondo e de paso deixa algún presente, ao tempo que desexa un novo ano cheo de ledicia e fartura, mandounos hai uns días unha carta na que nos solicitaba recomendacións de banda deseñada para agasallar estes días, tanto para nen@s cativ@s como para nen@s grandes, e aquí vos deixamos a nosa resposta...


Benquerido Apalpador:

En primeiro lugar querémoste agradecer que te lembraras da bd galega á hora de preparar os agasallos que irás deixando en cada casa dentro de moi pouquiño, por fortuna cada ano o número de títulos en galego segue a medrar, así que temos moitas cousas, e moi interesantes, para suxerirte entre as novidades aparecidas neste 2014. Lembra que moitas delas xa foron comentadas na nosa páxina web, por se lle queres botar unha ollada máis polo miúdo.


Para @s máis pequech@s da casa:

Unha das máis salientables obras para o público infantil foi a aparición do terceiro tomo de As aventuras de Marcopola, onde Jacobo Fernández narra con moito xeito as andainas de Marcopola, unha pequena illa que, aburrida de ficar soíña no medio do océano, decide viaxar polo mundo adiante facendo unha chea de amigos e amigas. Tras o éxito de As orixes de Marcopola e Os Piratas da Lúa chega Dragoneta! (Xerais), terceira entrega desta serie perfecta para aqueles cativos que se inician na lectura da banda deseñada.

Marcopola 3: Dragoneta

Tamén temos que falar da reedición dun dos grandes best-sellers do cómic galego, Fiz nos biosbardos (Retranca), divertidísima obra de Kiko da Silva protagonizada por un simpático e escatolóxico neno rodeado de mocos, cacolas e moitas risas. E dende A Fraga Milmañas (Demo) Carlos Amil e Manel Cráneo achégannos aos disparatados habitantes da fraga máis tola e pándega.

Fiz nos biosbardos - A Fraga Milmañas

Para @s máis clásic@s:

Respecto ao público adulto, @s amantes do estilo máis clásico non se sentirán decepcionad@s con A causa do crime (Tokio, Demo Editorial), un estupendo thriller con consciencia obreira ambientado no dinámico Vigo dos anos oitenta, ou con O misterio do Pico Sacro (Rafael Saldaña, Deputación da Coruña), unha intrigante historia de misterio e fantasía no Santiago dos anos trinta.

A causa do crime - O misterio do Pico Sacro

Dende Ribadeo, e autoeditado polo seu autor, Kike J. Díaz, chegou Nordés, un relato tamén de intriga a cabalo entre a época actual e os derradeiros momentos do Marqués de Sargadelos, a finais do século XVIII.

Nordés

Para @s máis atrevid@s:

Se buscas opcións para a xente máis atrevida e aberta propoñémoste varias excelentes, como son o máxico e surrealista Griza Zono de Andrés Magán (Fosfatina) ou o sorprendente Efectiviwonder de Dani Xove que editaron os nosos colegas ourensáns do Sindicato do Cómic.

Griza Zono

Dúas estupendas viaxes que agradarán aos lectores máis experimentais, ao igual que a publicación en galego de Cidade de Cristal (El Patito), a engaiolante versión da novela de Paul Auster que fixeron Paul Karasik e David Mazzucchelli.

Efectiviwonder - Cidade de Cristal

Para @s que queren rir:

O Bichero

Simpáticos como somos por estas terras, que ti ben o sabes, non é de estrañar que no eido humorístico sexa onde atopamos un maior número de títulos, dende as clásicas tiras de humor gráfico como son os catro tomos de O Bichero (autoeditados polo seu autor Luís Davila), que son unha simbiose perfecta entre a crónica social en clave de humor e a representación da idiosincrasia galega, ata a parodia do macho machista que fan Rodrigo Cota e Jano en Nacho Camacho (Demo), pasando pola actualidade a través das afiadas e retranqueiras visións dos autores e autoras que colaboran en O Botafumeiro, a revista satírica dixital que enche de gargalladas á fibra óptica do país.

Nacho Camacho - O Botafumeiro

Para @s que queren sorrir:

Varios son os títulos publicados na nosa lingua que, ademais de gustarnos gráfica e narrativamente, deixaron grandes sorrisos tras a súa lectura. O Catalogo Oneroso de Beleza Gratuíta (Deputación) co cal Fran Bueno gañou o último Premio Castelao é bo exemplo disto.

Catalogo Oneroso de Beleza Gratuíta

Ao igual que Comics desde Hicksville, unha escolma do poético e máxico autor neozelandés Dylan Horrocksverquida ao galego por Estaleiro Editora. E cómpre falar tamén dos dous tomos de Vida de Nai (El Patito), onde Gemma Sesar conta as súa experiencias maternais apoiada no debuxo de Marcos e Castelli.

Comics desde Hicksville - Vida de Nai

E ata aquí as nosas recomendacións: lembra que ademais de todas estas novidades hai unha chea de títulos interesantes de anos anteriores, así que malo será que non atopes o agasallo perfecto para cada lector e lectora. Agardamos ter sido de utilidade, que non empaches moito con tanta castaña e que te sexan leves estes días de tanto traballo, e se paso consideras que somos merecentes dalgún regalo... pois benvido será!

Afectuosamente teus,
Komic Librería