Top 10 de obras internacionais editadas en 2014 recomendadas para Papá Noel

Top 10 de Komic Librería


Hai uns días falabamos da petición que nos fixo o Apalpador sobre suxestións infalibles á hora de agasallar banda deseñada. Pois ben, o seu colega de traballo de Laponia, o señor Papá Noel, tivo a mesma idea, só que no seu caso, ao traballar polo mundo enteiro, preguntounos polos títulos máis salientables a nivel internacional. E home, xa que non nos importou atender a solicitude do Apalpador non iamos ser menos con este experimentado piloto de trineo de barba branca e fazulas coloradas. Velaquí tedes a nosa resposta, un Top 10 con algunhas das mellores obras editadas ao longo deste ano...


Estimado Papá Noel:

Como xa che comentamos en máis dunha ocasión, cada mes facemos unha selección das obras publicadas: lémbrate disto para o vindeiro ano, que ao final deixas todo para a última hora e logo pasa o que pasa. En todo caso, xa que andas apurado e non tes tempo de ir mirando con atención a nosa web, aquí che propoñemos 10 títulos de autores e autoras internacionais cos que de seguro acertarás, todos eles de obras estupendas, moi distintas entre si e xa comentadas en komic.es.


10

Belleville storyBelleville story
Malherbe / Perriot
Norma Editorial

Relato que ten unha posta en escena absolutamente brillante e no que podemos aprezar outro grande exemplo da nova xeración de historietistas galos, que beben de fontes tan diversas como o cinema, os videoxogos, o manga ou a propia bd europea para crear as súas historias cunha liberdade que agradecemos enormemente.

Ler reseña completa >


09

Come primaCome prima
Alfred
Salamandra Graphic

Dous irmáns de orixe italiana inician unha viaxe despois de dez anos sen verse. A acción está situada en torno a 1960. Diríxense nun pequeno Fiat 500 dende Francia ata a súa vila natal. Serán centos de quilómetros e moitas as lembranzas que compartiremos con estes dous personaxes de caracteres opostos forzados a reencontrarse por motivacións ben distintas.

Ler reseña completa >


08

No puedes besar a quien quierasNo puedes besar a quien quieras
Sandrine Revel / Marzena Sowa
Ediciones La Cúpula

Marzena Sowa consegue facernos reflexionar sobre a represión, o adoutrinamento, a castración do pensamento e da liberdade individual, e a maior consecuencia que todo isto tén na sociedade e sobre todo nos nenos: o medo.

Leer reseña completa >


07

La gigantesca barba que era el malLa gigantesca barba que era el mal
Stephen Collins
Ediciones La Cúpula

Stephen Collins, un novo autor británico que ten colaborado como ilustrador en numerosas publicacións, fai a súa estrea no mundo da bd con este magnífico conto para adultos (pero que os cativos tamén poden aprezar) onde atopamos unha intelixente metáfora crítica da sociedade e das súas convencións.

Ler reseña completa >


06

DegeneradoDegenerado
Chloé Cruchaudet
Dibbuks

Mesturando partes moi documentadas con outras nas que ten máis cabida a imaxinación, Chloé Cruchaudet consegue contar esta historia de xéneros e sentimentos confusos cunha sensibilidade extrema, atopando o difícil equilibrio necesario para narrar a complexidade dos sentimentos amorosos, as feridas psicolóxicas da guerra, o travestismo e a violencia dentro da parella.

Ler reseña completa >


05

MajaretaMajareta
Ellen Forney
Ediciones La Cúpula

Nesta obra autobiográfica Ellen Forney convídanos a descubrir, ao mesmo tempo ca ela, a complexidade do trastorno bipolar que lle foi diagnosticado pasados os 30. Un plantexamento directo e sincero co cal nos trasmite o coñecemento cada vez máis profundo do seu desequilibrio, así como a loita constante prolongada durante anos para superalo, marca o ton desta obra.

Ler reseña completa >


04

Cuadernos rusosCuadernos rusos
Igort
Salamandra Graphic

Fronte á barbarie, á inxustiza e o horror podemos, comodamente, pechar os ollos ou mirar cara outro lugar, pero a nosa obriga como persoas é loitar contra a indiferenza. Obras como Cuadernos rusos non serán recomendadas como lecturas de evasión ou polo seu valor artístico, pero a súa razón de existir é indiscutible. Por iso agradecemos tanto este documental con debuxos feito por Igort, porque é xusto, honrado e necesario.

Ler reseña completa >


03

UnahistoriaUnahistoria
Gipi
Salamandra Graphic

Hai cinco anos Gipi abandonou a súa produción tebeística para centrarse no seu traballo cinematográfico. Daquela confesara que esta decisión estaba motivada por non ter historias que contar, e despois da lectura de Unahistoria podemos asegurar que este período de barbeito sentoulle de marabilla á creatividade do italiano, que presenta aquí un dos seus mellores traballos.

Ler reseña completa >


02

La entrevistaLa entrevista
Manuele Fior
Salamandra Graphic

O estilo narrativo de Manuele Fior é suxestivo e inquietante, como xa demostrara en La Señorita Else e Cinco mil kilómetros por segundo. Agora achega outros recursos gráficos absolutamente brillantes, novidosos e orixinais que reforzan o clima de misterio que se mantén dende a primeira ata a última páxina.

Ler reseña completa >


01

Blast (Obra completa, 4 tomos)
Manu Larcenet
Norma Editorial

Blast

Coa publicación do cuarto e derradeiro tomo de Blast o noso aprezado Manu Larcenet conclúe unha serie que, sen dúbida algunha, está chamada a ser unha lectura de culto. Catro libros editados ao longo de cinco anos, máis de oitocentas páxinas en total para contar a epopeia vital dun home que procura deixar de ser home, unha historia dura e sen concesións extraordinariamente construída por un autor que demostra máis ca nunca o seu inmenso talento e que, cunha liberdade e unha mestría difíciles de atopar, espreme a súa enorme capacidade de observación e a súa magnífica prosa apoiado nun debuxo excepcional.

Ler reseña completa >


Agardamos que che sexan de utilidade os nosos consellos, non cargues moito peso estes días que aínda vas eslombar: saúdos e apertas fortes de Komic Librería!