Os 12 apóstolos de Ediciones La Cúpula segundo Komic Librería

12 apóstolos de Ediciones La Cúpula


Son moitos os autores que puidemos coñecer a través de Ediciones La Cúpula durante estes 35 anos, nomes que no seu momento podían resultar descoñecidos para os lectores pero que a día de hoxe son imprescindibles na historia da banda deseñada. Á editora barcelonesa debémoslle, por exemplo, a introdución do manga no mercado español, a publicación das obras máis salientables do panorama underground americano e europeo ou a oportunidade para varias xeracións de autores nacionais de ver as súas historias editadas, entre eles aqueles que tiraban cara a liña chunga no lugar da liña clara tan limpa e europea.

Tres décadas e media dan para moito e, aínda que semella imposible elixir entre tanto e bo, escollemos 12 artistas que por historia, influencia e talento son os nosos 12 apóstolos de La Cúpula. Cómpre salientar que a gran maioría deles (agás Pons, que finou en 2002) segue en activo e moitos deles aínda fieis á editora na que publicaron toda a vida, demostrando a mesma capacidade de reinvención que aprezamos en Ediciones La Cúpula:


ROBERT CRUMB

Robert Crumb

Sen dúbida un dos nosos autores preferidos, pioneiro no cómic autobiográfico, grandísimo debuxante e filósofo crítico coa sociedade actual (entroutras cousas) este peculiar e engaiolante personaxe forma parte indispensable da arte popular dos últimos 50 anos. Imposible imaxinar o mundo da viñeta sen Mr. Natural ou o Gato Fritz.


TANINO LIBERATORE

Tanino Liberatore

A chegada da obra deste italiano contemporáneo de Tamburini e de Andrea Pazienza a España supuxo todo un terremoto no panorama comiqueiro. As rupturistas historias protagonizadas por Rank Xerox golpearon como unha labazada aos lectores da época, convertindo a este personaxe nun dos símbolos do Víbora e da propia Cúpula. Unha mágoa que non estean dispoñibles en castelán os seus últimos traballos.


GILBERT SHELTON

Gilbert Shelton

Pouca xente non recoñecerá aos entrañables Freak Brothers, un trio de hippies politoxicomanos -máis un gato- aos que resulta imposible non coller cariño. Humor e ironía antisistema en grandes doses, co arrecendo da psicodelia dos anos setenta.


BETO + JAIME HERNÁNDEZ

Beto + Jaime Hernández

Estes dous irmáns californianos de procedencia mexicana empezaron a autopublicar a súa revista Love & Rockets, referencia imprescindible do cómic independente norteamericano, a comezos dos anos oitenta. Os dous destacan pola influencia de autores como Crumb ou do movemento punk nas súas obras, pero sobre todo por ter creado un universo propio cada un (Palomar no caso de Beto, Locas no de Jaime) con personaxes que a día de hoxe son auténticas iconas (especialmente os femininos).


MAX (Francesc Capdevilla)

Max

Este barcelonés foi depurando a liña clara ata facela totalmente súa, cun trazo persoal, recoñecible e inconfundible co cal nos conta historias surrealistas, humorísticas, simbólicas (de Peter Pank a Bardín el superrealista)... cunha gran curiosidade e vontade de experimentación, facendo del un dos nomes máis importantes do cómic español dos últimos trinta anos.


ALFREDO PONS

Alfredo Pons

O seu debuxo escuro, paradigma da liña chunga, retratou o ambiente nocturno máis mórbido da Barcelona dos oitenta, cos seus clubes nocturnos e prostíbulos, ou ben adaptou historias doutros escritores. Obras como Amigas ou Escalera de vecinos forman parte do seu legado.



MARTÍ

Martí

Responsable de títulos fundamentais como Taxista ou Dr. Vértigo, este barcelonés destaca polo seu debuxo, de liña clara feísta cun tremendo emprego do branco e negro, e malia que nos últimos anos as súas aparicións foron máis ben escasas en 2013 sorprendeu con Atajos, o seu último traballo.


DANIEL CLOWES

Daniel Clowes

Outro nome mítico do cómic independente procedente dos EUA, dende que a finais dos anos oitenta comezou a editar Bola Ocho, unha publicación na que presentaba historias curtas xunto con outras de maior extensión por entregas. Da súa man chegáronnos títulos como o existencialista Ghost World ou o surrealista Como un guante de seda forjado en hierro, nas que expresou brillantemente o baleiro existencial de fin de século.


CHARLES BURNS

Charles Burns

Un dos creadores máis persoais e interesantes que se poden ler, onírico e turbador, o seu característico debuxo en branco e negro ilustra desacougantes relatos como Big Baby ou El Borbah e tamén poderosas metáforas como a súa obra mestra Agujero negro.


PETER BAGGE

Peter Bagge

Coa súa serie Odio, protagonizada polo mítico Buddy Bradley e os seus problemas cotiás (relacións de parella, coa súa familia, a súa vida laboral...), conseguíu que toda unha xeración se sentira identificada, pero tamén ten numerosas obras de crítica social e política, mesmo realizou a biografía da activista Margaret Sanger (La mujer rebelde).


RALF KÖNIG

Ralf König

Si, as maiorías das súas obras están protagonizadas por personaxes gays, pero König é moito máis ca iso. Dotado dun intelixente e irónico humor, así como dun gran sentido da composición narrativa, os títulos deste alemán (El condón asesino, Lisístrata, Como conejos...) fan que se esmendrellen lectores de todas as tendencias sexuais.


E, por suposto, deixamos moitísimos autores e autoras no tinteiro, xente ou obras que chegaron a nós grazas ao olfato editorial de La Cúpula (Yoshihiro Tatsumi, Jaime Martín, Tronchet, Tanaka, Adrian Tomine, Camille Jourdy, Winshluss, Étienne Davodeau, Ana Oncina, Stephen Collins, Anthony Pastor, Thomas Ott, etc, etc, etc), algo que lles agradecemos enormemente.