Top 10 de Komic Librería: selección de cómics editados por La Cúpula

Top 10 de Komic Librería: Ediciones La Cúpula


Pois se hai uns días faciamos reconto dos autores máis representativos de Ediciones La Cúpula, hoxe ímosvos falar das 10 obras que máis nos gustaron de todas as publicadas nos seus 35 anos de vida. Como podedes imaxinar foi dificilísimo escoller tan só unha decena de títulos, así que como se adoita dicir: non están todos os que son, pero son todos os que están... A ver que vos parece a nosa selección, obras todas elas ás que sempre é un pracer volver ou descubrir por primeira vez.


10

Chapuzas de amor

Chapuzas de amor
Jaime Hernández

Un magnífico relato sobre o amor, as satisfaccións e as decepcións que conleva, teñas a idade que teñas, protagonizado por Maggie, un dos personaxes do universo Locas creado polo autor. Unha pequena marabilla que non cansamos de recomendar.


09

Rosalie Blum Integral

Rosalie Blum
Camille Jourdy

Unha deliciosa, divertida e entrañable comedia de enredo e intriga protagonizada por un mozo duns trinta anos, algo pusilánime, que por vez primeira decide tomar as rendas da súa vida. Feita cun debuxo preciosista e amable, cheo de pequenos detalles, esta obra, publicada orixinariamente como triloxía está actualmente dispoñible nun álbum integral que é unha das lecturas de referencia na nosa librería nestes últimos anos.


08

Los ignorantes

Los ignorantes
Étienne Davodeau

O autor, un dos máximos expoñentes da bd documental e social contemporánea, sabe moito de cómics, pero pouco de viños. Xusto á inversa que o seu amigo Richard Leroy, esixente viticultor que traballa el mesmo tres hectáreas de terreo das que saca un viño moi aprezado. Durante un ano comparten experiencias, opinións e coñecementos, e acadan un gran libro no que maridan á perfección o froito da uva e o mundo da viñeta.


07

La gigantesca barba que era el mal

La gigantesca barba que era el mal
Stephen Collins

Un marabilloso relato metafórico que lembra aos contos de Roald Dahl e no que este británico ironiza sobre o funcionamento da nosa sociedade e a procura da liberdade individual. Unha historia preciosa no que conta e en como o conta, grazas ao seu coidado e abraiante debuxo en lapis.


06

Pinocchio

Pinocchio
Winshluss

Unha xenial perversión e reinvención do conto de Carlo Collodi, mesturándoo con outros relatos clásicos e moito underground. Entrelaza a historia de Pinocchio, muda e coloreada, coas aventuras de Pepito Cucaracha, en branco e negro e con diálogos. Un tebeazo que conta ademais cunha edición coidada e ben xeitosa.


05

Peter Pank Integral

Peter Pank
Max

Este barcelonés, autor dunha extensa e persoal obra cun estilo propio moi definido, sorprendeu nos anos oitenta con esta triloxía (agora editada nun só tomo), que era unha parodia da versión animada que Walt Disney fixo do conto de J.M. Barrie. Os personaxes aparecen reinterpretados baixo o prisma das distintas tribos urbanas existentes na España da época, construíndo así unha imaxinativa historia de aventuras e caricatura social. Todo un clásico da viñeta española.


04

Odio Integral

Odio
Peter Bagge

Esta serie, compilada actualmente en tomos integrais, conta a historia de Buddy Bradley, un mozo lacazán, medio alcólico e pouco amigo do sistema, paradigma da chamada Xeración X de comezos do noventa, o desencanto da cal mestúrase coa procura da felicidade e do amor por parte do noso protagonista no Seattle e na Nova Jersey de finais do século XX. Todo isto contado co humor negro e politicamente incorrecto, máis o debuxo expresivo e caricaturesco propio de Peter Bagge.


03

Mis problemas con las mujeres

Mis problemas con las mujeres
Robert Crumb

Poderiamos falar de calquera das obras do mestre Crumb, pero escollemos este, o primeiro volume das súas Obras Completas, porque recolle algún dos seus mellores relatos autobiográficos existencialistas nos que mostra todo o que lle pasa pola cabeza.


02

Agujero negro

Agujero negro
Charles Burns

Orixinariamente publicada en doce tomiños por Ediciones La Cúpula, esta obra está ambientada no Seattle de mediados dos setenta, onde fai a súa aparición unha enfermidade de transmisión sexual que afecta só aos adolescentes provocando impredicibles mutacións corporais, distintas en cada caso. Con este metafórico punto de partida Charles Burns, co seu elegantísimo emprego do branco e negro e o seu dominio das técnicas narrativas, explora fondamente cuestións relacionadas con este período vital, e aínda máis.


01

Palomar
Beto Hernández

Palomar

Para nós a obra mestra de Beto, o cumio das historias ambientadas na indefinida e fronteiriza vila latinoamericana de Palomar. Unha serie de relatos pequenos, realizados nos anos oitenta, entrecruzados e protagonizados por unha chea de personaxes fascinantes, cun descarnado realismo máxico, nos que o autor traza todo un engaiolante mundo propio.