Resposta de Komic librería ao Apalpador

Castelao. Atila


Ao igual que o ano pasado o noso benquerido Apalpador solicitou a axuda de Komic Librería na procura de recomendacións para agasallar banda deseñada galega este Nadal. Nós, encantados de botarlle unha man, contestámoslle da seguinte maneira:

Moi boas, señor Apalpador:

Pois aquí estamos de novo, moi agradecidos porque penses outro ano máis no cómic galego á hora de preparar os agasallos que en poucos días irás deixando de fogar en fogar.

Lembrámosche que as nosas recomendacións do ano pasado seguen a ter vixencia, e aquí che presentamos as obras máis salientables editadas durante este 2015, títulos moi variados que tocan diversos xéneros e estilos gráficos:


Castelao. Atila

Castelao. Atila
Inacio / Iván Suárez
Demo Editorial / Komic Librería

A cuarta entrega da biografía gráfica de Castelao preséntanos ao ilustre rianxeiro en Barcelona no ano 1938, en plena Guerra Civil, acompañando ao goberno da República. Neste volume lembra anécdotas da súa nenez en Arxentina e reflexiona sobre as súas obras Galicia mártir e Atila en Galicia. Poderás atopar máis información sobre este libro aquí.


Destino Hërgüss

Destino Hërgüss
Manel Cráneo
Demo Editorial

Unha extraordinaria aventura burocrático-fantástica de ciencia-ficción, ambientada no Planeta Mincha, o particular mundo creado por Manel Cráneo. O libro inclúe unha banda sonora composta ex profeso para gozar coa lectura de Destino Hërgüss, e tamén podes ver aquí a nosa opinión sobre este relato.


O Bichero V

O Bichero V
Luís Davila
Autoeditado

A quinta entrega que recolle as populares tiras cómicas que cada día publica Luís Davila no Faro de Vigo, cheas de humor e sabedoría popular, nas que reflicte á perfección a idiosincrasia e a actualidade da nosa terra. Unha vez máis tes a posibilidade de revisar o que sobre esta obra falamos hai uns meses.


O papiro do César

O papiro do César
Ferri / Conrad
Xerais / Salvat

O segundo álbum dos galos máis irredutibles a cargo do seu novo equipo creativo lévanos a reflexionar sobre os procesos comunicativos e moitas cousas máis que xa comentamos tamén na nosa páxina.


Dédalus en Compostela

Dédalus en Compostela
Kohell
Fundación Vicente Risco / Deputación de Ourense

Fernando Iglesias, máis coñecido como Kohell, realiza unha extraordinaria adaptación do texto de Vicente Risco no que o propio autor ourensán pasea polas rúas de Compostela coa compaña de Stephen Dedalus, o alter ego de James Joyce, e xuntos disertan sobre o divino e o humano.


Os que levan o lume

Os que levan o lume
Álvaro López
Demo Editorial

Unha historia de fantasía ambientada nun mundo máxico e cruel onde a poboación está a ser asolada por unha misteriosa doenza e por bandas de guerreiros sen corazón que se adican á pillaxe. Outro título do que xa falamos alá polo mes de setembro.


A deserción De Stalin

A deserción De Stalin
Tomás Guerrero
Demo Editorial

Un sorprendente e divertido relato sobre a hipotética deserción do líder soviético do rexime que el mesmo creou. O xénero de espías tocado a través do humor nun título que gusta tanto a amantes da bd histórica como da comedia, e que tamén comentamos nesta páxina.


Muuh! No prado das vacas

Muuh! No prado das vacas
Troubs
Figurandorecuerdos

Multitude de debuxos, reflexións e divagacións sobre o animal totémico galego por antonomasia, a vaca, a través dos ollos e do lapis dun debuxante marabillado por este animal.


Abastos

Abastos
Abelleira / Colombo / Rivas / Iglesias / Fornies
Tres Pintamonas

Con esta obra a bd galega entra no mundo da gastronomía, dous relatos entrelazados de carácter social co epicentro na compostelá Praza de Abastos e no restaurante Abastos 2.0.


Como podes ver a oferta é variada, non si? Pois ademais temos varios exemplos de traballos realizados por autoras e autores de aquí pero que saíron editadas en castelán e que pagan moito a pena:


Episodios Lunares

Episodios Lunares
Martín Romero
Reino de Cordelia

Un dos autores galegos máis persoais estivo de actualidade este ano pola publicación desta fermosa escolma de relatos curtos, cada un deles co seu aquel sobrenatural. De seguro que se botas unha ollada ao artigo que escribimos sobre estes Episodios Lunares poderás comprobar o seu carácter poético e simbólico.


Havarti Party

Havarti Party
Roberta Vázquez
Fosfatina

Neste excelente exemplo do cómic underground actual a santiaguesa Roberta Vázquez vainos presentar un grupo de animais antropomórficos, xa coñecidos a través do seu fanzine Bob y amigos. Podedes ver aquí máis polo miúdo a nosa opinión.


El infierno del dibujante

El infierno del dibujante
Kiko Da Silva
Dibbuks

Kiko Da Silva, un auténtico corredor de fondo da viñeta galaica, acadou o premio Castelao da Deputación da Coruña no 2014 coa historia de Manuel Prado, un historietista sen moita sorte que ve plaxiadas todas e cada unha das súas creacións. Un libro que sorprende, divirte e homenaxea a moitos creadores e personaxes.


E nada máis, ata aquí chegaron as nosas recomendacións de banda deseñada galega para este Nadal, agardamos ter sido de utilidade e lembra que nós sempre, sempre, sempre somos moi bos (a ver se che acorda cando pases polas nosas casas...)

Unha fonda aperta chea de agarimo, non empaches con tanta castaña e que sexa leve o choio!

Komic Librería