Recomendacións para Papá Noel: Top 13 de comics infantís e xuvenís editados en 2015

Hora de aventuras


Pois aquí estamos, tras atender desde Komic Librería á petición do Apalpador de suxerirlle as últimas e mellores obras da bd galega, respondendo a un personaxe que chega dun chisco máis lonxe. Dende a nevada Laponia, o señor Papá Noel, tamén coñecido como Santa Claus ou Pai Natal, pregúntanos polos títulos máis recomendables para o público infantil e xuvenil entre os aparecidos neste 2015. Eis a nosa resposta:

Estimado Papá Noel:

A verdade é que as obras dirixidas para os primeiros lectores e lectoras non deixan de medrar, polo que resulta difícil escoller tan só unhas poucas entre todo o que se editou este ano. Por vostede facemos un esforzo e, tras moito cavilar e como non somos supersticiosos, deixámoslle aquí unha lista de trece obras que son un éxito asegurado á hora de agasallar con elas. Por certo, xunto á información de cada título engadimos a nosa recomendación orientativa de idade, e lembrámoslle tamén que o pasado ano os seus colegas os Reis Magos xa nos preguntaron sobre isto, por se quere revisar aquí as suxestións que lles fixemos. Agardamos que lle sexa de utilidade, e non esqueza vostede que se lle cadra pasar por Compostela a noite do 24 de decembro o noso enderezo está na rúa San Pedro de Mezonzo, número 34.

Afectuosamente seus,
Komic Librería


13

Paul a Crusoe #1 - Náufraga

Paul a Crusoe #1 - Náufraga
Mathilde Domecq
Dibbuks
+8

Unha familia sobrevive tras un naufraxio nunha illa deserta nesta versión moderna de Robinson Crusoe, un álbum cunha gran calidez, humor e acción.


12

Jaco, the galactic patrolman

Jaco, the galactic patrolman
Akira Toriyama
Planeta
+8

A precuela de Dragon Ball! Nun tomo único e a través das peripecias dun policía galáctico que vén ao noso mundo para defendelo dunha perigosa ameaza, Akira Toriyama explica un chisquiño máis a orixe de Son Goku e a súa chegada á Terra.


11

Hora de aventuras

Hora de aventuras
VV.AA.
Norma
+8

O imaxinativo e divertido país de Ooo a través da ollada de moitas autoras e autores distintos que nos presentan diversos episodios protagonizados por Finn, Jake, Marceline, a Princesa Chicle e o resto de delirantes personaxes procedentes da famosa serie animada de TV. Unha estupenda opción para nenos e nenas de 8 a 99 anos.


10

Luces del Norte #1

Luces del Norte #1
Melchior / Oubrerie
Norma
+12

Primeiro volume dunha triloxía que traslada á viñeta La materia oscura, a famosa saga de novelas de Philip Pullman, nas que Lyra, unha rapaza moi botada para adiante, vaise ver involucrada nunha historia de exploracións, fantasía e misterios.


09

Cafecito y Patito

Cafecito y Patito
Mister Egg
Bang
+3

Un parruliño perde á súa nai e Cafecito decide iniciar unha viaxe con el para atopala, un divertido curso acelerado de ornitoloxía sen texto, axeitado para os nenos que aínda non saben ler.


08

El mago de Oz

El mago de Oz
Anna Brandoli / Renato Queirolo
Kraken
+8

O marabilloso e fantástico conto de L.F. Baum atopa aquí unha das súas versión en cómic máis fermosas, cun debuxo encantador perfecto para plasmar as aventuras de Dorothy no mundo de Oz.


07

Marvel 75 Años

75 años de Marvel
VV.AA.
Panini
+9

Xunto con DC Comics, Marvel é a editora norteamericana máis importante do xénero de superheroes, e conta xa con 75 anos de historia. Este espectacular tomo de case 700 páxinas recolle algunhas das aventuras máis salientables e históricas da etapa clásica dos seus personaxes míticos: Spiderman, os 4 Fantásticos, os Vengadores, a Patrulla-X, Daredevil, etc. nun libro que resulta ser unha vía perfecta para introducirse neste universo.


06

El castillo de las estrellas #1 - 1869: La conquista del espacio

El castillo de las estrellas #1 - 1869: La conquista del espacio
Alex Alice
Norma
+12

No século XIX, cheo de grandes exploradores, hai quen decide dirixir os seus obxectivos cara as estrelas. Unha imaxinativa obra aventureira, cun excelente e coidado debuxo, que bebe tanto das novelas de Verne como das películas de Miyazaki.


05

Superpatata #4

Superpatata #4
Artur Laperla
Bang
+6

As andainas do mutante máis exitoso dende Lobezno son outro título que fai furor entre os máis pequechos, neste cuarto tomo retomamos as aventuras do tubérculo superheroe, que deberá facer fronte nesta ocasión a unha perigosa adversaria. Na nosa páxina xa falamos dela con maior profundidade hai uns meses.


04

El botones de verde caqui

El botones de verde caqui
Schwartz / Yann
Dibbuks
+10

Neste relato autoconclusivo atopamos a Spirou, o botóns máis famoso da historia da bd na Bruxelas ocupada polos nazis, nunha historia de aventuras bélicas e espionaxe que ademais de entreter rinde numerosas homenaxes a personaxes e creadores do mundo da historieta. Aquí podedes ler o que nos pareceu este lectura e aquí atoparedes unha pequena guía de todas as referencias comiqueiras que aparecen nas súas páxinas.


03

Astro-Ratón y Bombillita #3 - Patatator cocido

Astro-Ratón y Bombillita #3 - Patatator cocido
Fermín Solís
Bang
+6

A nova e emocionante aventura dun dos tebeos infantís máis exitosos dos últimos tempos, no cal seguimos as peripecias dun roedor astronauta que viaxa polo espazo sideral na compaña dunha pequena bombilla e dunha caca con vida. Moito humor e acción nun libro perfecto para os primeiros lectores.


02

Solos #3

Solos #3
Gazzotti / Vehlmann
Dibbuks
+12

A aparición do terceiro integral desta serie que coa súa enorme tensión argumental engancha tanto ao público xuvenil como adulto foi unha das grandes novas deste 2015. Seguimos intrigados as aventuras dun grupo de rapaces e rapazas obrigados a sobrevirir nun mundo sen adultos cheo de misterios.


01

Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos
Jose Domingo
Astiberri
+6

Pablo y Jane en la dimensión de los monstruos

Unha auténtica xenialidade que nos vai transportar ata unha dimensión descoñecida na compaña de Pablo e Jane, unha parella de intrépidos irmáns que deberán ser axudados polos lectores e lectoras para poder volver ao noso mundo. Un libro que mestura banda deseñada, ilustración e libro de actividades co característico e divertido estilo de Jose Domingo, e do que pode consultar máis información na nosa páxina.