Top 10 de autoras de cómic recomendadas por Komic Librería
Trala boa acollida que tivo a lista de dez autoras recomendadas por Komic Librería que publicamos hai un tempo, volvemos a escoller dez nomes da, cada vez máis numerosa, nómina de artistas coa que conta o mundo da banda deseñada a día de hoxe. Dez mulleres con estilos e obras moi distintas entre sí que agardamos vos resulten de interese:
10 / Quan Zhou Wu
Malia ser de familia chinesa esta autora naceu en Andalucía, e tras diversas experiencias no medio dixital presenta a súa autobiografía, Gazpacho agridulce (Astiberri), na que conta, cun aquel humorísitico, as experiencias e conflitos que conleva pertencer a dúas culturas tan distintas.
09 / Roz Chast
Esta veterana historietista e ilustradora norteamericana, habitual de publicacións tan prestixiosas como The New Yorker, cóntanos a historia dos seus pais nun dos álbumes máis tenros dos últimos meses, ¿Podemos hablar de algo más agradable? (Random House Mondadori), unha novela gráfica magnífica.
08 / Chloé Cruchaudet
Coa primeira obra súa que chegou ás nosas mans, Groenlandia-Manhattan (Norma), esta francesa chamou a nosa atención pola humanidade e a perspectiva coa que narraba unha historia real, e xa nos conquistou definitivamente con Degenerado (Dibbuks), onde mellora tremendamente no apartado gráfico e repite ao tratar feitos verídicos con gran sensibilidade nun álbum marabilloso que comentamos na nosa páxina.
07 / Mathilde Domecq
O emocionante e divertido guión, xunto co seu coidado debuxo, fan de Paula Crusoe (Dibbuks) un dos títulos que máis nos sorpenderon nos últimos tempos. Atopámonos ante unha serie, da que se levan editados dous álbumes, que é unha desas lecturas dirixidas cara o público infantil pero que os adultos podemos saborear encantados e que, ademais, permite que coñezamos a unha nova autora.
06 / Ellen Forney
Cun estilo honesto e moi directo esta autora estadounidense íspese nas páxinas de Majareta (La Cúpula) para narrar todo o que lle pasou pola cabeza cando lle foi diagnosticado un trastorno bipolar. As dúbidas, o medo, a posterior aceptación e a procura da bipolaridade na arte e nos procesos creativos enchen as páxinas desta obra sorprendente que xa comentamos hai tempo.
05 / Julie Maroh
A relación amorosa entre dúas rapazas centra o único título que ten publicado en español esta autora, El azul es un color cálido (Dibbuks), unha historia feita con gran sensibilidade que acadou moita sona ao ser adaptada ao cinema na exitosa La vida de Adèle.
04 / Roberta Vázquez
Compostelá residente en Barcelona, Roberta leva anos a divertirnos coas andainas das súas creacións, unha morea de animais (e máis cousas) antropomórficos que coñecimos a través dos seus fanzines Bob y amigos. En 2015 a editora viguesa Fosfatina publicou o seu excelente Havarti Party, título do que xa dimos conta na nosa páxina, e neste 2016 vén de sacar un fenomenal split coas historias Flor y nata, de Roberta Vázquez, e Yolo, de Teresa Ferreiro.
03 / Julie Doucet
Esta autora, figura fundamental dentro da bd underground, é tamén unha pioneira moderna no cómic autobiográfico e influencia importantísima para moitas e moitos autores contemporáneos. A súa obra foi recente e merecidamente recuperada con Julie Doucet: Cómics 1986-1993, unha escolma máis que interesante grazas, unha vez máis, ao bo gusto da xente de Fulgencio Pimentel.
02 / Marzena Sowa
Animada pola súa parella, o historietista francés Sylvain Savoia, esta rapaza polaca cóntanos nos dous tomos de Marzi (Norma) as experiencias dunha nena na Polonia dos anos oitenta, cando o país aínda vivía nun rexime comunista. Tralo éxito destes dous títulos Marzena proseguiu a súa carreira como guionista co delicado relato No puedes besar a quien quieras, debuxado por Sandrine Revel e que tamén cunha fonda carga política que analizamos na recensión que del fixemos.
01 / Ana Oncina
Nos dous últimos anos esta artista valenciana acadou unha enorme repercusión cos tres álbumes publicados de Croqueta y Empanadilla (La Cúpula), as aventuras dunha parella primeiriza contadas con moito humor e protagonizadas por un peculiar dúo que podedes coñecer un chisco máis aquí.