Cómics maternais e obreiros recomendados por Komic Librería para o primeiro de maio
Este vindeiro domingo 1 de maio coinciden dúas datas sinaladas: por unha banda celebramos o Día da Nai e pola outra o Día Internacional dos Traballadores. Dende Komic Librería recomendámosvos algúns títulos rechamantes de temática obreira ou nos que a figura da nai ten un papel moi relevante.
CÓMICS MATERNAIS
Nai non hai máis que unha, así que comezaremos polas obras «maternais» máis salientables dos últimos tempos, ás que hai que engadir, por suposto, as que xa vos comentamos en anos anteriores (e que podedes atopar aquí):
El ala rota
Antonio Altarriba / Kim
Norma
O mesmo tándem creativo que nos conmoveu en El arte de volar, onde narraban a dura traxectoria vital do pai do guionista, revisita de novo o século XX español centrándose nesta ocasión na figura da súa nai. Unha auténtica xoia que nos transporta a tempos pasados con elegancia e sobriedade.
Antares
Leo
ECC
Neste terceiro ciclo de Los mundos de Aldebarán o veterano autor brasileiro volve enganchar aos seus lectores cunha magnífica narración de ciencia-ficción chea de emoción e intriga protagonizada por Kim, unha das nosas heroínas preferidas. Neste tomo integral coñeceremos tamén á súa filla, que será un dos motores desta abraiante historia. Atoparedes máis información nesta recesión.
Vida de nai
Gemma Sesar / Ramón Marcos / Jorge Castelli
El Patito
Nos dous volumes que conforman esta obra atopamos o día a día dunha nai moderna e traballadora, pequenas anécdotas cotiás contadas con humor e realismo.
Saga
Brian K. Vaughan / Fiona Staples
Planeta
Nesta épica space-opera descubrimos a Marko e Alana, unha parella de razas distintas e enfrontadas entre si dende hai séculos que atopan o amor e loitarán contra todo tipo de perigos e obstáculos para salvar á súa pequena filla Hazel. Alana, o personaxe feminino principal desta serie aínda inconclusa (ata o de agora hai publicados cinco tomos), resulta ser unha das figuras maternas máis interesantes e atípicas aparecidas nas páxinas dun cómic.
Last man
Vivès / Sanlaville / Balak
Diábolo
Unha apaixonante e indescriptible serie que mestura fantasía, intriga e acción ao tempo que homenaxea animes como Dragon Ball ou Saint Seiya e que está protagonizada por un estraño trío composto polo loitador Richard Aldana, o neno Adrián Velba e a súa nai Marianne. Unha fabulosa viaxe na que as culturas populares de Xapón e de Occidente van da man.
CÓMICS CON CONSCIENCIA OBREIRA
De seguido trataremos tamén títulos con consciencia obreira, perfectos para lembrar e reflexionar sobre a nosa condición de traballadoras e traballadores nun intre onde as condicións laborais xustas perigan dun xeito que non podiamos imaxinar hai uns anos. Podedes completar esta lista coas obras das que xa vos falamos noutro dos nosos artigos:
La balada del norte
Alfonso Zapico
Astiberri
Neste primeira entrega de dúas o autor asturiano achéganos unha das mellores bandas deseñadas que limos nos últimos anos. Ambientada na Revolución de Asturias no ano 1934 reproduce un exemplo claro da loita obreira, coa revolta protagonizada polos mineiros reivindicando condicións máis xustas para o seu traballo. Un cómic imprescindible do que devecemos por ler a súa segunda e derradeira parte.
Operario
Jano
Demo
Unha historia expresionista e muda na que asistimos a un día na vida dun obreiro industrial nun marco atemporal. Un relato que agocha na súa sinxeleza unha lucida reflexión sobre as condicións laborais da man de Jano, un dos referentes da bd galega do século XXI. Tedes máis información neste artigo.
Solanin
Inio Asano
Norma
Neste manga cheo de realismo e lirismo, que xa comentamos aquí, non imos atopar grandes loitas sindicais ou eventos históricos en defensa das condicións dignas de traballo. Non, o que nos contan as súas páxinas son os dilemas e dúbidas dun grupo de mozos e mozas xaponesas que, tras rematar os estudos universitarios, teñen que decidir entre aceptar as situacións laborais que a sociedade lles ofrece ou loitar por facer o que realmente desexan.
Los viejos hornos #1, Los que quedan
Lupano y Cauuet
Norma
Tres protagonistas septuaxenarios, superviventes das loitas obreiras dos anos sesenta e que manteñen a súa consciencia proletaria, vanse ver envoltos nunha intriga que xira, precisamente, arredor do seu antigo patrón. Un primeiro número magnífico cheo de humor e sorpresas.
A causa do crime
Tokio
Demo
Ambientada no Vigo dos primeiros oitenta, esta historia, debuxada daquela e recuperada hai uns anos, é un emocionante thriller no que conflúen os movementos sindicais, a corrupción policial ou o terrorismo, coa primeira folga xeral galega de pano de fondo. Tamén a comentamos na nosa páxina.