Top 10 de Komic Librería: selección de cómics recomendados para celebrar o Día do Orgullo Gay
Durante esta semana concéntranse unha chea de actos e festexos polo Día do Orgullo Gay, unha data que serve para que unha serie de colectivos historicamente discriminados pola súa orientación sexual reivindiquen o seu espazo na sociedade e celebren a súa condición. Dende Komic Librería querémosnos unir a esta festividade e para iso seleccionamos varios dos títulos de temática LBGT que máis nos gustan, obras para todo tipo de lectores e lectoras, moi distintas entre elas, que aportan visións moi interesantes e que escollemos entre a gran variedade de bandas deseñadas que tratan a homosexualidade, a bisexualidade ou a transexualidade.
10
League of Extraordinary Gentlemen
Alan Moore / Kevin O'Neill
Planeta
Nos primeiros dous volumes desta serie Alan Moore mesturaba o xénero superheroico coas novelas de aventuras do século XIX, pero no tercerio volume (1910, 1969 e 2009) engade tamén a boa parte da cultura popular do século XX, e xoga un rol fundamental a figura de Orlando, o personaxe de Virginia Woolf que é home e muller.
09
El olor de los muchachos voraces
Loo Hui Phang / Frederik Peeters
Astiberri
Neste relato onírico e chamánico ambientado nas chairas de Texas trala Guerra de Secesión o suízo Peeters, un dos nosos autores preferidos, ilustra o interesantísimo guión dunha autora descoñecida por estas terras, Loo Hui Phangn. A través do trío protagonista introducen nun xénero tan clásico e case hermético como é o do western a homosexualidade e a bisexualidade.
08
Bim bom, historias de lucha
Arturo Infante / Renier Quer
Diábolo
Tres relatos distintos que falan da prostitución masculina na Cuba actual, con realismo e sen concesións, nunha obra que chega directamente dende a illa caribeña.
07
Strangers in paradise
Terry Moore
Norma
Outra serie norteamericana convertida en clásico moderno e recollida integramente en sete volumes, Strangers in paradise mostra o día a día do trío protagonista mesturándoo coa comedia, o melodrama ou o thriller. Deste xeito coñecemos a Katina (máis coñecida como Katchoo), Francine e David. Este último está namorado de Katchoo, pero ela está namorada de Francine. Este triángulo amoroso é a base sobre a cal Terry Moore constrúe toda unha saga costumista con numerosos seguidores e seguidoras.
06
El mundo a tus pies
Nadar
Astiberri
Con esta a súa segunda obra Nadar plantexa unha labazada de realismo con tres relatos distintos sobre a precariedade laboral entre os que se achegan á trintena. A xeración mellor preparada da historia sobrevive como pode, e se hai que emigrar, pois emígrase, aínda que iso poña en perigo a túa relación de parella... ou non. Podedes ler máis sobre esta obra aquí.
05
El azul es un color cálido
Julie Maroh
Dibbuks
A obra na que se basea o premiado filme La vida de Adèle conta, dun xeito tenro, a fermosa historia de amor entre dúas rapazas, Emma e Clementine.
04
Lisístrata
Ralf König
La Cúpula
O alemán, autor fundamental do cómic europeo e da cultura homosexual contemporánea, achéganos a súa particular visión da divertida comedia de Aristófanes, convertindo o clásico grego nunha delirante historia sobre os xéneros que convida á reflexión con moitísimo humor.
03
Locas
Jaime Hernández
La Cúpula
Hai máis de 35 anos que Jaime Hernández comezou esta serie mítica do underground norteamericano, tres décadas e media a seguir as aventuras e desventuras do seu elenco coral, dentro do cal destacan Maggie e Hopey. Locas funciona coma un mosaico enorme no que atopamos punk, drama, ciencia-ficción, realismo, amor e desamor... todo contado cunha naturalidade e un ritmo estupendos e onde a bisexualidade e o lesbianismo xogan un papel importante.
02
Degenerado
Chloé Cruchaudet
Dibbuks
Para fuxir da pena de morte un desertor francés na Primeira Guerra Mundial sobrevive travestíndose coa complicidade da súa muller. Unha historia extraordinaria que aconteceu de verdade no París dos anos vinte, da que xa vos falamos hai tempo e que Chloé Cruchaudet conta cunha delicadeza e unha elegancia sublimes.
01
Fun home
Alison Bechdel
Random House
A autora, unha das pioneiras no cómic de temática lésbica, cativounos con este relato autobiográfico no que nos presenta á súa familia e como a relación co seu pai influíu na procura da súa propia sexualidade. Un libro magnífico e honesto cheo de humanidade.