Komic Librería: regresamos con forza... e con moitas novidades de banda deseñada en galego!

BDG70, a revolta do cómic galego


Moi boas, komiqueiras e komiqueiros! Como ben sabedes o pasado venres, ao comezar o mes de setembro, volvimos abrir as nosas portas tralo tradicional peche de agosto. Coma tódolos veráns estivemos na Coruña (na Feira do Libro e máis no Viñetas desde o Atlántico) e aproveitamos o resto do mes para tomarnos unhas pequenas vacacións e regresar coas pilas ben cargadas. Ademais de enerxías renovadas traemos da nosa estadía coruñesa varias apetecibles novidades dentro da banda deseñada galega que de seguido vos comentamos máis polo miúdo.

Licor Café

Comezamos con Licor Café, unha marabilla recén saída do alambique na cal os amigos de Demo Editorial, con moi bo criterio, reúnen a trece autoras e autores galegos arredor da mítica bebida espirituosa. Trece grolos de xéneros variados e estilos gráficos moi distintos a través dos cales, ademais de aprezar o inmenso talento que –malia a súa mocidade– atesoura a nómina de artistas participantes, podemos facer unha boa idea do panorama actual da bd galega.

BDG70, a revolta do cómic galego

Se na obra anterior atopamos o presente e o futuro do cómic galego na seguinte botaremos unha abraiante ollada ao pasado, concretamente aos anos setenta, ao abrente da banda deseñada na nosa lingua, un período que merecía un estudo fondo e analítico como o que lle adicou Xulio Carballo na súa tese doutoral. Como resultado da súa investigación, e coa implicación da Universidade da Coruña e de Demo Editorial, a finais de 2016 realizouse unha exposición na cidade herculina na que se reunían obras de 27 autores da época. Esta mostra fundamental aparece agora recollida na primorosa edición do catálogo da devandita exposición: BDG70, a revolta do cómic galego, converténdose dende xa nun título básico para amantes e estudosos da novena arte.

Astro Rato e Lampadita

Dende Santiago El Patito Editorial acerta de pleno coa edición, para os máis cativos, da primeira aventura de Astro Rato e Lampadiña, unha obra infantil que na súa versión en castelá leva anos a ser unha das nosas lecturas máis recomendadas para os primeiros lectores. A edición en galego posúe varios alicientes que engadir ao divertido guión e debuxo de Fermín Solís: unha excelente tradución, un tamaño maior e un par de sorpresiñas que encantarán aos pequechos e pequechas que se acheguen a descubrir as aventuras deste roedor cosmonauta.

Trackers (El arma perdida de los dioses)

Coa edición simultánea en galego e castelán (a primeira a cargo de 3 Pintamonas, a segunda da man de Yermo) chega tamén o primeiro volume dunha serie que promete, e moito: Trackers (A arma perdida dos deuses), de David Muñoz e Tirso Cons. Unha historia ambientada no século XVII que mestura aventura, fantasía, romance e conflitos internacionais.

Tattoo

Para rematar cómpre falar doutro título editado por Demo Editorial, desta volta falamos dun relato mudo e poderoso, Tattoo, no cal o autor pontevedrés Santiago Paredes, dono dun estilo persoal moi recoñecible, conta unha historia de amor protagonizada con intensidade roqueira por animais antropomórficos.

Así pois non podedes negar que volvemos de agosto ben cargadiños... Pero, no estraño caso de que ningunha destas apetecibles obras vos chame a atención sempre podedes recorrer ás guías de recomendacións que con tanto coidado e agarimo prepararon as nosas queridas Bibliotecas Municipais da Coruña: unha sobre bandas deseñadas de temáticas sociais e outra sobre títulos dirixidos cara o público infantil e xuvenil. E xa como último recurso tamén vos podedes achegar por Komic Librería e pedirlle consello aos vosos amigables libreiros. Ata pronto, xentiña, agardamos que estas novidades vos resultasen interesantes!