Cómics recomendados por Komic Librería para o Apalpador

Asterix en Italia


Pois, como vén sendo tradicional nestas datas, o Apalpador púxose en contacto con Komic Librería para pedir consello e recomendacións sobre as novidades máis salientables que este 2017 nos deixou respecto á banda deseñada galega e en galego. E como gustou moito da nosa selección, decidimos compartila convosco por se vos fose de utilidade, a ver que vos parece…


Licor café

Licor café
VV.AA.
Demo Editorial

Sen dúbida unha das grandes sorpresas do ano foi esta excelente iniciativa dos amigos de Demo, que reuniron nun álbum a varios dos nomes máis salientables e prometedores da bd galega. Trece grolos marabillosos arredor da mítica bebida espirituosa nos que podemos aprezar distintos xéneros e estilos. Podedes atopar máis información sobre esta obra aquí.


Astro-Rato e Lampadiña

Astro-Rato e Lampadiña
Fermín Solís
El Patito Editorial

Encantados quedamos coa edición en galego deste título, unha das obras máis recomendadas para os primeiros lectores na nosa librería. Cun estilo divertido cheo de imaxinación Fermín Solís cóntanos as extraordinarias aventuras dun roedor astronauta e a súa inseparable compañeira, perfectas para iniciarse no mundo do cómic.


Maus

Maus
Art Spiegelman
Rinoceronte

Despois de moitos anos sen estar dispoñible volvemos ter nos nosos andeis este título totémico, a única bd que acadou o premio Pulitzer. Unha obra fundamental na cal o autor relata a experiencia do seu pai, supervivente de Auschwitz. nunha nova e coidada tradución á nosa lingua.


BDG70, a revolta do cómic galego

BDG70, a revolta do cómic galego
Universidade da Coruña

Este catálogo vén arranxar en certa medida a ausencia de publicacións sobre a banda deseñada galega dos anos setenta. Entre outubro de 2016 e xaneiro de 2017, en Normal, o espazo de intervención cultural da universidade coruñesa, tivo lugar unha exposición sobre este momento concreto e básico da novena arte galega. Este proxecto, nado como corolario da tese de doutoramento de Xulio Carballo, atopa a súa representación física neste interesantísimo volume editado de xeito impecable.


O Bichero #7

O Bichero #7
Luis Davila
Autoeditado

O popular e talentoso artista gráfico vén de presentar a sétima escolma das súas tiras humorísticas, coma sempre cheas de retranca e crítica intelixente. Un agasallo perfecto se o obxectivo é acadar un sorriso (ou unha boa chea deles) na persoa agasallada.


Tattoo

Tattoo
Santiago Paredes
Demo Editorial

Sen palabras, co seu persoal estilo e moito talento, chega esta obra da man do tudense Santi Paredes. Un relato de amor desesperado e tinta con moito rock’n’roll protagonizado por animais antropomórficos.


Xinfu na maldición Guauchuky

Xinfu na maldición Guauchuky
Adrián Morgade
Xerais

Dirixida ao público infantil chega esta aventura fantástica protagonizada por dous cans que viaxan a un mundo máxico, nunha obra que encantará aos máis cativos.


A alquitara

A alquitara
Troubs
Figurandorecuerdo(s) Edicións

A finais do século pasado o autor acompañou durante varios meses a un alambiqueiro ambulante que viaxa de rexión en rexión alugando a súa máquina para facer augardente. O retrato desta experiencia e tamén o dun oficio tradicional que esmorece na modernidade, nun álbum evocador e moi interesante sobre o cal podedes atopar aquí máis información.


Astérix en Italia

Astérix en Italia
Jean-Yves Ferri / Didier Conrad
Salvat / Xerais

A última aventura dos irredutibles galos, terceira realizada polo seu novo equipo creativo, lévanos ata terras transalpinas, nunha carreira a través da Península Itálica que mantén o aquel dos álbumes clásicos desta parella fundamental da bd europea.


E ademais...

Cómics recomendados

Non podemos rematar esta lista sen falar doutros títulos moi recomendables feitos por autoras e autores de aquí, obras que mostran a diversidade e o talento que posúe a banda deseñada actual: Fragmentos seleccionados, de Andrés Magán, Nuevas estructuras, de Begoña García Alén, La deuda, de Martín Romero, La espada de San Eufrasio, de Manolo López Poy, Pepe Rey e Miguel Fernández, Mirror, de Emma Ríos e Hwei Lim ou Nomeolvides, de Nuria Figueiredo.