Recomendacións para os Reis Magos: Top 10 de comics españois editados en 2017

Asylum


E por suposto, tras atender ás peticións que nos fixeron o Apalpador e Papá Noel sobre os títulos máis salientables deste 2017 respecto á banda deseñada galega e internacional, chegamos aos Reis Magos que, como é tradicional, solicitaron a nosa axuda para acertar completamente á hora de agasallar con obras de cómic nacional, merchandising e títulos orientados cara o público infantil e xuvenil. Comezamos por Gaspar, que decidiu centrarse este nadal en regalar obras realizadas por autores de aquí. Iso si, antes de desvelaros cales foron as nosas recomendacións, debemos recoñecer que é un gustazo e un orgullo decatarnos da importante presenza de historietistas galegos e galegas na nosa lista. Unha mostra máis do excelente momento creativo que están a vivir as nosas viñetas. Aquí vos deixamos a nosa escolla, dez títulos moi recomendables...


Carvalho: tatuaje

Carvalho-tatuaje
Hernán Migoya / Bartolomé Seguí
Norma

Por primeira vez adáptase ao cómic unha das novelas de Manuel Vázquez Montalbán protagonizadas polo famoso detective Pepe Carvalho. Un relato negro ambientado na Barcelona dos anos setenta que agradece a sobriedade no debuxo de Seguí e o acerto á hora de adaptar o texto orixinal por parte de Migoya.


Cortázar

Cortázar
Jesús Marchamalo / Marc Torices
Nórdica

A vida do xenial escritor arxentino pasada ás viñetas con agarimo, elegancia e un abraiante aproveitamento dos recursos expresivos da banda deseñada, nunha obra que da que xa vos falamos na nosa páxina hai uns meses e que resulta ser un fermoso retrato dun autor imprescindible da literatura hispanoamericana.


Ether, la muerte de la última llama dorada

Ether, la muerte de la última llama dorada
Matt Kind / David Rubín
Astiberri

Boone Dias é un científico que leva anos e anos a explorar Ether, un mundo fantástico que existe nunha dimensión paralela á nosa. O seu carácter deductivo fai que axude aos habitantes de Ether a resolver os escasos crimes que alí se producen, ata que recibe a encarga de investigar o asasinato da gardiá dese mundo máxico. Un magnífico relato de aventuras fantásticas co espectacular debuxo de David Rubín que xa vos comentamos máis polo miúdo aquí.


Fragmentos seleccionados

Fragmentos seleccionados
Andrés Magán
Apa-Apa

A agardada obra do autor vigués para a editora Apa-Apa supón a confirmación dun artista único que é quen de dotar os seus relatos cun aquel máxico e fascinante. Un álbum excelente que contén diversos relatos curtos dos que podedes atopar máis información aquí.


Nuevas estructuras

Nuevas estructuras
Begoña García-Alén
Apa-Apa

A construción dunha nova estrutura adosada a unha casa centra o argumento desta obra exquisita na cal Begoña García-Alén experimenta na narrativa da bd con orixinalidade e moito criterio. Un volume engaiolante que representa, para nós, o traballo máis acertado desta interesante autora ata o de agora.


La gran aventura humana

La gran aventura humana
Miguel Brieva
Reservoir Gráfica

Este humanista do século XXI percorre o pasado, o presente e o futuro da especie humana mesturando ilustracións, textos e bandas deseñadas co seu persoal estilo, cheo de ironía e crítica social.


Pinturas de guerra

Pinturas de guerra
Ángel de la Calle
Reino de Cordelia

Un escritor español, o mesmo Ángel de la Calle, chega ao París de finais dos setenta na procura de información para realizar unha biografía de Jean Seberg pero, de xeito involuntario, vaise ver involucrado nunha escura trama de represión contra artistas fuxidos das ditaduras sudamericanas. Unha comprometida obra de intriga que entrecruza literatura, arte e política.


Mirror

Mirror
Emma Ríos / Hwei Lim
Astiberri

A autora galega presenta por primeira vez unha historia da que só é responsable do guión, deixándolle a parte gráfica á malaia Hwei Lim, e o resultado final é realmente engaiolante. Os seus fermosísimos debuxos plasman un orixinal argumento que xira arredor da estraña sociedade de Irzah na que conviven seres humanos, animais conscientes, espíritos... Unha imaxinativa fábula sobre a aceptación das nosas propias identidades, a humanidade e a liberdade.


Asylum

Asylum
Javier de Isasi
Astiberri / CEAR Euskadi

Nesta obra benéfica o autor de He visto ballenas fálanos do exilio mesturando a experiencia de varios refuxiados e refuxiadas de distintas partes do mundo co testemuño de Marina, unha muller vasca que trala Guerra Civil tivo que deixar a súa vila natal pasando por Barcelona, Francia e Venezuela. Unha necesaria reflexión sobre o asilo e a migración chea de humanidade.


Arde Cuba

Arde Cuba
Agustín Ferrer
Grafito

Despois do moito que nos gustara a súa obra anterior, Cazador de sonrisas, agardabamos expectantes a nova novela gráfica deste artista autodidacta, que nos volveu sorprender co seu relato de aventuras ambientado na revolución cubana e no proxecto de Errol Flynn de entrevistar a Fidel Castro. Unha historia chea de orixinalidade e magníficamente debuxada que confirma o bo facer deste autor.